O Concello de Boiro deu comezo este venres 5 de xullo ás Festas do Verán 2024 co tradicional pregón inaugural que nesta edición leron as mulleres traballadoras do sector téxtil no municipio, sen dúbida un dos ámbitos económicos que máis ten contribuído ao progreso económico, social e mesmo cultural do concello. O programa do primeiro día continuou co coa actuación de Gran Parada na praza do Concello, Lontreira na Praza do Centro Social e a IV Remember Fest de Peñas Boiro.
Ás 20.00 horas deron comezo as actividades coa charanga Mekánica Rolling Band que percorreu as rúas do centro de Boiro. Ás 22.00 horas deuse comezo, de forma oficial, aos festexos co pregón na Praza de Galicia que estivo presentado por Gloria Camila e ao que deron lectura as mulleres so sector textil no municipio.

Juana Outeiral foi a encargada de poñer voz á experiencia de máis de medio milleiro de mulleres e homes que impulsaron un sector que fixo que Boiro fose un referente. “Aquí houbo fábricas de punto pero tamén había talleres modestos. Fomos moitas as boirenses traballando no téxtil e que durante décadas mantivemos esta industria, moitas mulleres as que alí atopamos recursos que achegar a economía familiar porque traballar fóra da casa, por aquela época era tamén importante para sacar adiante a familia e acabamos sendo como unha gran familia, con momentos bos e malos, porque a fabrica era como unha segunda casa e, a pesar dos anos transcorridos, as amizades creadas naquel momento perduran ata hoxe”.

O alcalde, Jose Ramon Romero, pechou o acto agradecendo esta importante contribución das mulleres locais e que “sen elas sabelo, foron as precursoras do Boiro que somos hoxe en día: un referente en industria e en comercio que segue a medrar e no que cada semana se abren novos negocios”.
O programa das Festas do Verán 2024 continúa o sábado coas alboradas a cargo dos Pequenos do Barbanza e Caraveiros; a malla do centeo de Abrañeira e actuacions dos grupos Aroña, Xilbarbeira e Luimieira na praza do Centro Social as 12.00 horas e, pola noite, concerto de Dios Ke Te Crew na praza do Centro Social e orquestra Origen e Alchemy Project, tributo a Dire Straits na praza de Galicia.




