O novo Auditorio Municipal de Ribeira acolleu na mañá deste martes 30 de xullo o evento Amicos Empodera, dirixido a recoñecer o labor do alumnado durante os primeiros meses do Programa Integrado de Emprego de Amicos. Contou coa presencia da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Mariño, a concelleira de Formación e Igualdade de Ribeira, Cruz Rivadulla, a presidenta de Amicos, Esther Vidal, o director xeral da entidade, Xoán España, e o responsábel da área de Alianzas con Persoas e Empresas, Miguel Beiro.

O acto foi conducido por Cristal Lago e Iria Gude, ámbalas dúas participantes do Programa Integrado de Emprego 2023-2024. Elas foron as encargadas de cederlle a palabra a Cruz Rivadulla, concelleira de Educación, Formación, Igualdade Diversidade e Atención ás Parroquias de Ribeira; sobre quen recaeu a apertura do acto. A edil comezou por destacar “que para Ribeira é un privilexio contar coa presencia da asociación Amicos, que promove programas como este que ofrecen ás participantes información, orientación e asesoramento na busca de emprego; e fano promovendo a igualdade de oportunidades á hora de acceder ao mercado laboral, abordándoo dende unha perspectiva de xénero, centrándose moito no colectivo feminino e favorecendo a conciliación tanto familiar como laboral”. A concelleira rematou cunhas palabras de “agradecemento a todo o persoal que fai posíbeis estes cursos e iniciativas, así como a todas as persoas que participan, que sen elas non sería posíbel o seu éxito”.
A continuación, trala emisión dun vídeo resumo do traballo realizado na primeira parte desta edición do Programa Integrado de Emprego de Amicos, que chegará ao seu fin en novembro, foi a quenda da directora de Recursos humanos de Tendam Retail, Lorena Colmeiro, que compartiu cos asistentes a experiencia do grupo como coordinadores de prácticas e destacou o papel do grupo empresarial como colaboradores da iniciativa “acollendo a alumnas en prácticas, cun feedback moi positivo”. Así, declarou que “para Tendam Retail é moi beneficioso traballar cos PIE de cara a acoller a ese alumnado de prácticas. A formación é fundamental para acceder a un posto de traballo, polo que sodes moi afortunadas por poder acceder a estas formacións”. Colmeiro destacou tamén que “a experiencia é fundamental, e no noso caso concreto é necesario ter experiencia previa en tenda para traballar con nós a menos que accedas a través dun programa de prácticas porque a acadarás a través delas. Así, estas son unha panca fundamental á hora de novas contratacións”. Amais, falou do caso dunha das participantes deste programa, “que foi contratada, e de feito non puido vir porque neste momento está na súa quenda de traballo na tenda. Este tipo de programas son unha ferramenta fundamental que ter en conta á hora de buscar traballo”.

De seguido, Xoán España, director xeral de Amicos, explicou os resultados xerais acadados pola área de Alianzas con Persoas e Empresas, en cuxos programas participan máis de 1200 persoas. En canto ao PIE de Amicos, dirixido a mulleres desempregadas de diferentes concellos do Barbanza, destacou que “das 104 participantes na edición 2023-2024 do programa de Amicos, 66 persoas xa accederon ao mercado laboral”.
O programa dirixiuse a mulleres residentes nos concellos de Ribeira, Boiro, A Pobra do Caramiñal, Noia, Porto do Son e Lousame. O seu contido dividiuse en catro itinerarios formativos: comercio (315 horas), almacén e industria (290 horas), formación transversal (152 horas) e limpeza (40 horas). Así, nos meses que quedan, o alumnado terá a posibilidade de continuar a súa acción formativa e seguir traballando por incrementar os datos de inserción. Uns datos que dende o acadou a sinatura duns 130 contratos.
O director xeral de Amicos recalcou que “o traballo conxunto do equipo da área de Alianzas, das administracións que confían e colaboran con nós, das empresas e as organizacións que cada vez incrementan máis as oportunidades laborais para as persoas que necesitan máis apoios, e a parte máis fundamental, que sodes as participantes. Mulleres que dedicades un gran esforzo e moitas ganas para romper as barreiras coas que vos atopades, das etiquetas moitas veces erróneas coas que etiquetamos ás persoas”. O director xeral da entidade tamén fixo fincapé en que “os retos de agora son diferentes dos de outras épocas, e a equidade é a clave. As persoas que necesitan máis apoios son ás que temos que destinar máis apoios, non todos necesitamos o mesmo acompañamento. Por iso é un bo momento de recordar que tódalas administracións, empresas e organizacións debemos traballar para converternos nas entidades que o mundo necesita”.

O evento pechouse coa intervención da directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Mariño. A representante valorou os resultados dos Programas Integrados de Emprego, subvencionados pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia. Así quixo destacar que “esta é a cuarta convocatoria de Amicos, que participa nun programa integrado de emprego e debemos de dicir que é un programa de éxito cun resultado de inserción que supera o compromiso asumido polo programa, e que este ano xa está superado con creces. Esperamos que siga funcionando e que, entre as administracións poidamos coordinarnos e cooperar para que consigamos o obxectivo de inserción e de formación, tan importante en determinados colectivos como son as mulleres e as persoas con discapacidade”

Tras estas palabras, as participantes recibiron os diplomas acreditativos dos cursos realizados durante estes meses da man das técnicas do programa, Andrea Beiro e Cristina Coto.
A gala tamén serviu como pano de fondo para dar a coñecer o Programa Pioneiras, outra das iniciativas impulsadas dende a asociación Amicos. Esta realízase a nivel autonómico, e ten como obxectivo fomentar a igualdade e a inclusión de mulleres con discapacidade que residen no rural, no ámbito da formación e o emprego ambiental e sostíbel. Así, durante no evento presentáronse os resultados acadados na enquisa inicial, a través da que se buscou realizar un primeiro diagnóstico para coñecer as barreiras, necesidades e intereses do público obxectivo ao que se dirixe a iniciativa. Este estudo documental contou coa realización de máis dun cento de enquisas respondida. A través de Pioneiras brindarase apoio psicosocial a un total de sesenta mulleres, das que se acadará como mínimo o 50% de insercións sociolaborais nos sectores verde e de economía circular.



