O artista, creador e intelectual é considerado pola entidade como “unha figura fundamental e referente ineludible para poder comprender as artes contemporáneas do noso país”.
Foi o responsable da nova etapa da restauración da Cerámica de Sargadelos, que concibiu como empresa e centro de investigación, tecnoloxía, deseño e difusión das artes e da cultura de Galicia.
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou o seu plenario mensual o pasado sábado, 29 de xuño, en Lalín. Convidada polo Concello de Lalín, a RAGBA organizou unha xornada con varios actos motivo da secuencia de celebracións arredor do escultor cambadés Francisco Asorey que este ano foi o persoeiro homenaxeado no Día das Artes Galegas 2024.

Neste encontro académico, presidido polo seu presidente Manuel Quintana Martelo, acordouse, por unanimidade do pleno, dedicar a celebración do día 1 de abril de 2025 do Día das Artes Galegas ao creador Isaac Díaz Pardo.
A Real Academia Galega de Belas Artes tivo en conta para esta elección os seus numerosos méritos. A condición de Díaz Pardo como destacado representante da arte galega, ilustre pintor e ceramista, únese á súa profunda vinculación ao longo de máis de medio século na nova etapa da restauración da Cerámica de Sargadelos, á que Díaz Pardo, ademais dunha empresa, concibiu como centro de investigación, tecnoloxía, deseño e difusión das artes e da cultura de Galicia. Díaz Pardo foi tamén creador e impulsor das Cerámicas do Castro, do Laboratorio de Formas de Galicia xunto con Luis Seoane –homenaxeado no Día das Artes Galegas 2019–, das Edicións do Castro, do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, do Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos, do Laboratorio Xeológico de Laxe, e do Instituto Galego de Información, entre outros.
O artista e intelectual Isaac Díaz Pardo (Santiago de Compostela, 1920 – A Coruña, 2012) ingresou como académico de Honra da Real Academia Galega de Belas Artes o 16 de xuño de 2009 nun acto celebrado na sede da Institución na Coruña como “unha figura fundamental e referente ineludible para poder comprender as artes contemporáneas do noso país”, indica a RAGBA.
A iniciativa do Día das Artes Galegas na xornada de cada 1 de abril naceu na Academia en 2015, celebrando ao Mestre Mateo, quen nesa data do 1188 dirixiu a colocación dos dinteis do Pórtico da Gloria na Catedral compostelá, segundo consta nos mesmos.
Traxectoria de Isaac Díaz Pardo
Isaac Díaz Pardo naceu na Casa da Tumbona, na rúa das Hortas de Santiago de Compostela. Desde neno estivo moi vinculado ao ambiente artístico, xa que comezou traballando con seu pai, o pintor, ilustrador e escenógrafo Camilo Díaz Baliño. Foi no seu taller onde coñeceu a Castelao, Constantino Candeira, José Silva, Vicente Risco, Otero Pedrayo e Blanco Amor.
Cando Isaac Díaz Pardo estaba estudando o bacharelato, axudou a seu pai na realización de carteis de propaganda do Plebiscito de Autonomía. En 1936 arrestaron a Camilo Díaz, asasinándoo en Palas de Rei. Tras este suceso, Díaz Pardo viuse obrigado a esconderse durante meses na casa de do seu tío Indalecio na Coruña. Un ano máis tarde comezou a traballar nunha empresa de pintura industrial coruñesa para gañarse a vida.

En 1940 obtivo unha bolsa da Deputación da Coruña que lle permitiu iniciar os estudios de Belas Artes na Academia de San Fernando en Madrid, aínda que un ano antes xa expuxera por primeira vez na Asociación de Artistas da Coruña. Durante a súa estancia en Madrid, visitou asiduamente o Museo do Prado, onde tomou numerosas notas para realizar as súas pinturas. A partir deste momento, Díaz Pardo, comezou a dedicarse de forma profesional e única á pintura, e grazas á bolsa Conde de Cartaxena realizou unha viaxe por Italia que lle permitiu coñecer aos renacentistas italianos, pintores que influíron notablemente na súa obra.
En 1942 e 1943 traballou como profesor auxiliar de debuxo na Escola de Belas Artes de San Jordi de Barcelona, e en 45 casouse coa coruñesa Carmen Arias Montero, que tamén realizara estudos na Academia de San Fernando. Foi a época máis prolífica na pintura de Isaac Díaz Pardo. Pero a pesar destes comezos prometedores, a súa traxectoria pictórica foi curta, con dous momentos ou etapas diferenciadas que decidiu pechar en 1948.
As súas primeiras obras, marcadas polo clasicismo, son composicións cuxo tema central é a figura humana, recreada en amplos volumes, e con gran protagonismo do debuxo. Na segunda etapa, os seus cadros perden o clasicismo a medida que van conectando co ideario renovador, reflectindo unha maior preocupación social que en ocasións chega á denuncia.
Un ano despois de abandonar a pintura iniciouse o proxecto de Cerámicas do Castro, fundado en O Castro de Samoedo, en Sada (A Coruña), que serviu de laboratorio para, usando a terra do vello Sargadelos, recuperar a experiencia iniciada no século XVIII, un dos primeiros exemplos del industrialismo capitalista na península.
En 1955 viaxou a Arxentina, concretamente a Magdalena, onde creou unha nova empresa de cerámica. Esta viaxe foi fundamental para relacionarse cos artistas galegos no exilio como Luís Seoane, Rafael Dieste, Arturo Cuadrado ou Lorenzo Varela, e poder constituír con Luís Seoane o Laboratorio de Formas de Galicia, dedicado á futura creación dunha serie de empresas recuperadoras da memoria histórica de Galicia, das cales faranse reais, na década dos 70, o Complexo deSargadelos, o Museo Carlos Maside, Edicións do Castro, o Laboratorio Xeolóxico de Laxe ou o Seminario de Estudos Galegos.
Ademais de todas estas actividades, Díaz Pardo tamén cultivou o ensaio, a crítica, o teatro e realizou numerosos artigos xornalísticos, principalmente de historia contemporánea e economía, traballos meritorios de numerosos premios como a Medalla de Ouro da cidade de Santiago de Compostela en 1988 e o Premio das Artes e das Letras da Xunta de Galicia en 2003, entre outros. Tamén foi nomeado Doutor Honoris Causa polas Facultades de Bioloxía e Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela en 1992, e en 2001 Arquitecto Honorífico do Colexio de Arquitectos de Galicia.



