A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña absolveu ao alcalde de Porto do Son dun suposto delito de prevaricación ao contratar a unha arquitecta técnica. Na sentenza, o tribunal relata que “ao tomar posesión en 2011, o servizo de Urbanismo estaba unicamente integrado, desde 2008, por unha arquitecta, atopándose nunha situación de práctico colapso e imposibilidade de despacho dos expedientes nos prazos establecidos”. Tanto a arquitecta como os técnicos do Concello, segundo consta na resolución, informaron ao alcalde “da urxente necesidade de contratar a un arquitecto técnico”.
Tras realizar consultas con funcionariado, Secretaría e Intervención, baixo a supervisión da concelleira de Facenda, solicitáronse currículos e realizáronse entrevistas. A Sala explica que “finalmente decidiuse a contratación dunha arquitecta técnica, persoa descoñecida para o inculpado”, co propósito de “beneficiar aos veciños e o público en xeral”.
“Durante a vixencia do vínculo, Intervención formulou reparos baseados na opinión de que as competencias encomendadas eran propias de funcionarios públicos e por límites temporais ou cuantitativos, informes na liña de anos anteriores”, indica a Audiencia, pois salienta que se actuou “segundo o costume administrativo de Porto do Son nesta materia e outras de emprego municipal, sen que se puxese en coñecemento do procesado, nin comprendese, que houbera algún problema legal neste caso ou no 69 % dos contratos de persoal do Concello, en igual tesitura de posible relación laboral encuberta”.
Os xuíces tamén refiren na sentenza que o acusado ponderou “o alto rendemento da arquitecta técnica e a ostensíbel melloría do departamento”. Ademais, afirman que o cadro probatorio, “avaliado no seu conxunto e non deconstrutivamente”, dista de reflectir “a imaxe de que os actos administrativos de contido decisorio que pivotan sobre a contratación da arquitecta técnica entren na categoría da arbitrariedade típica e traduzan que o acusado, ao executalos, abarcase intelectualmente tinguiduras de ilicitude con perigo de lesión ao ben xurídico, que non vemos trocado en resultado de prexuízo tanxible para ninguén ou un ámbito concreto da Administración”.




