Publicada hoxe a convocatoria para cubrir máis dun cento de prazas para a Policía Local de trinta concellos galegos, entre eles da comarca

13 Xuño 2024

Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de 114 prazas para os corpos de Policía Local de 31 concellos galegos, das que 81 son por oposición libre e as 33 restantes por provisión de mobilidade. Estas últimas van destinadas aos policías xa en exercicio que cambian de concello mediante sistema de concurso e de conformidade cun baremo de méritos. As prazas que non se cubran polo procedemento de mobilidade aumentarán as de libre, para evitar que queden prazas sen cubrir e proporcionar un mellor servizo á cidadanía, colaborar cos concellos e fomentar a empregabilidade.

Trátase dunha nova oposición unificada da Xunta a través da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), que o ano pasado permitiu cubrir un cento de vacantes. De feito, correspóndense co alumnado da 16ª promoción da Policía Local que actualmente se está a formar na Academia desde o pasado febreiro para finalizar en outubro.

O prazo para inscribirse nesta convocatoria comezará despois de que o anuncio se publique no Boletín Oficial do Estado e permanecerá aberto durante 20 días hábiles a través da sede electrónica da Xunta https://sede.xunta.gal.

A oposición libre contará con 5 exercicios: un test de coñecemento de 100 preguntas sobre o temario publicado, proba de coñecementos do idioma galego salvo para as persoas que estean exentas, probas de aptitude física (velocidade potencia de tren superior e inferior, resistencia xeral e natación), psicotécnicas (intelixencia, personalidade entrevista persoal)  e recoñecemento médico. Unha vez rematado o proceso dará comezo o curso selectivo, tamén na Agasp, e os aspirantes admitidos pasarán a formar parte da nova promoción de Policía Local da Academia.

Os concellos que convocan prazas nesta convocatoria por algunha das dúas modalidades  son A Coruña, A Laracha, Bergondo, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cedeira, Malpica, Melide, Narón, Pontedeume, Ribeira, Sada, Santiago de Compostela, Teo, na provincia da Coruña; A Guarda, Baiona, Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa, na provincia de Pontevedra; os concellos lucenses de Chantada e Lugo, e o ourensán do Barco de Valdeorras.

Proceso de selección unitario

A finais do ano 2017 a Xunta aprobou e publicou o decreto 115/2017 para regular a cooperación da Xunta cos concellos que, voluntariamente, decidan delegar na Administración autonómica a selección dos seus corpos de Policía Local. O obxectivo desta iniciativa é aforrar xestións, orzamento e tempo ás entidades locais, ao tempo que se dota ao proceso de maior transparencia e axilidade. Ademais, a confección de listas únicas facilita tamén a contratación.

Ademais da convocatoria para a categoría de Policía Local, xa rematou o proceso selectivo para o acceso a 127 prazas de postos de auxiliares de Policía Local de 32 concellos galegos, onde xa están sendo contratados por períodos de ata seis meses.

Tras o proceso, elaborouse a lista de colaboración para a contratación de auxiliares de policía local para os concellos que teñen convenio coa Xunta e que por circunstancias xustificadas, sexa necesaria a cobertura. Xa se rexistraron 16 chamamentos para contratacións temporais de dous a catro meses para os municipios de Bueu, Ponteceso, Rianxo, Ribadeo, A Laracha, Tui, Celanova e Mugardos.

Por outra banda, a 16ª promoción de policía local que se forma na Academia Galega de Seguridade Pública conta cun cento de aspirantes que superaron as distintas fases do proceso. O próximo mes de outubro, despois de estar de prácticas os meses de verán nos seus concellos de destino, volverán ás aulas para rematar a formación teórica e poder ser nomeados funcionarios de carreira a comezos de ano.

Centro de referencia

A Agasp é o centro de referencia na formación das forzas e corpos de seguridade en Galicia, xa que ademais de preparar as novas promocións de Policía Local ofrece accións formativas con contidos actualizados e adaptados á realidade do seu traballo diario e dos servizos de emerxencias que garanten a seguridade da poboación galega.

Outros artigos

Domingo, San Cristovo, día pasado por choiva e baixa temperatura

Durante a xornada do domingo, día de San Cristovo, quedaremos na influencia dun centro de baixas presións, con ventos húmidos do suroeste. Con esta situación, os ceos estarán moi nubrados, con chuvias febles e intermitentes, máis probables no litoral oeste, aínda que...

+

Acordo para pescar en caladoiros arxentinos

O Executivo de Javier Milei despexa o futuro para os barcos galegos con cotas de pescada para 15 anos A intención de Milei de establecer un sistema de poxa para as licitacións internacionais mantiña en tensión a frota de capital galego que pesca nos caladoiros...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cordura y centralidad”. Alberto Barciela

“Cordura y centralidad”. Alberto Barciela

Los anhelos, las ambiciones desmedidas, pero también las más o menos comprensibles, se confunden entre tantos escombros, entre los cascotes de lo que fueron los valores consensuados por la sociedad, la política, la Justicia, la economía. Incluso las referencias...