A concelleira de Servizos Municipais, Persoal, Turismo e Igualdade da Pobra, Estefanía Ramos, achegouse este xoves 27 de xuño á zona de Crocha de Poñente para ver en persoa como se están a desenvolver os traballos de roza e limpeza que o Concello encomendou á Ecobrigada de Amicos. No lugar recibiuna o director xeral de Amicos, Xoán España, e a responsábel técnica das Ecobrigadas, Nuria Calo.
Esta visita prodúcese no marco da contratación da Ecobrigada forestal de Amicos por parte do Concello de A Pobra do Caramiñal para a roza e limpeza das marxes da rede viaria municipal, unha colaboración recorrente nos últimos anos, a través da cal o municipio volve apostar pola inserción laboral de persoas con diversidade funcional.
Así, dende comezos de maio traballan na zona un equipo de cinco persoas, formado por un capataz e catro peóns con discapacidade intelectual, realizando accións de roza e limpeza de camiños e vías municipais. Está previsto que as accións de acondicionamento se estendan ata o mes de agosto.
Con respecto a esta alianza, Xoán España destacou que “a idea é limpar as beirarrúas, pero o sentido principal desta acción é a xeración de cinco postos de traballo para persoas en risco de exclusión social, ao tempo que se desenvolve un traballo e un servizo á comunidade”.
Continuou declarando que “dende Amicos queremos agradecerlle ao Concello da Pobra o compromiso e a súa aposta por esta causa, algo que ano tras ano demostra con feitos, contratando ás Ecobrigadas e a Properdis para os traballos de conservación e os labores que nós podemos desenvolver dende a entidade”.
Pola súa banda, a concelleira Estefanía Ramos salientou que “un ano máis, dende o Concello da Pobra decidimos apostar polas Ecobrigadas de Amicos polo bo traballo que fan. Xoán falou da inserción, que é moi importante, e apostamos porque a mellor maneira de apoiar ás persoas con discapacidade é contratándoos e confiándolle un traballo tan importante e tan valorado pola veciñanza”. Ramos tamén adiantou que “dende a Concellería de Servizos Municipais mantemos unha firme aposta nesta lexislatura por manter as vías das estradas municipais libres da masa vexetal. Para iso decidimos reforzar en orzamento a partida, levamos 90.000 euros anuais para estes
traballos e ademais contamos con 50.000 euros do remanente de Tesourería que xa foron aprobados en decembro do ano pasado. Tamén queremos seguir contando coas Ecobrigadas nos vindeiros anos polo seu espléndido traballo”.
A responsábel das Ecobrigadas destacou que “esta colaboración entre Amicos e o Concello de A Pobra ten unha especial relevancia e valor porque nos permite manter e estabilizar postos de traballo na nosa bisbarra, ocupados por persoas con discapacidade intelectual, un colectivo que se enfronta a grandes dificultades para acceder a un posto de traballo no mercado de emprego ordinario”.
As Ecobrigadas de Amicos
As Ecobrigadas están formadas por equipos multidisciplinares cualificados e especializados nos sectores forestal, de xardinería, obras, e servizos de bedelería. O seu gran valor reside en ofrecer capacitación e experiencia laboral ás persoas con discapacidade intelectual para incrementar as súas posibilidades de inserción no mercado de emprego ordinario.
Estes equipos forman parte da empresa de inserción laboral Properdis e o Centro Especial de Emprego Servinserta, do grupo Amicos, que busca xerar oportunidades laborais para estes colectivos, así como para potenciar unha economía social e solidaria.