
O campamento de verán de Outes, no marco do programa “Outes Concilia”, dará comezo o vindeiro martes 25 de Xuño coas prazas de tódalas quendas cubertas. O campamento de verán oferta finalmente 330 prazas, repartidas en seis quendas que se prolongan até o 10 de setembro, dando cobertura a todo o período non lectivo. Segundo indicou o concelleiro de benestar, Tono Caamaño, este ano o campamento de verán celebrarase nas instalacións do antigo colexio do Cruceiro de Roo, que contan con espazos amplos tanto cubertos como ao aire libre. Os rapaces e rapazas poderán disfrutar ademais de saídas a zonas de lecer como a praia de Broña así como de actividades diversas. O concelleiro indicou que este ano se aumentaron o número de prazas pasando de 300 ás 330 indicadas. O alcalde, Manolo González, suliñou a importancia do programa “Outes Concilia” así como a aposta do executivo local polos servizos de conciliación “que fan a vida máis doada para as familias novas do concello”, indicou.




