O Concello de Rianxo compartiu a axenda cultural municipal desta terceira semana de xuño, na que se inclúen tamén iniciativas das entidades e asociacións con sede no municipio. Haberá unha presentación literaria co escritor afincado no concello boirense Manuel Losada e unha función teatral con Armadanzas Teatro: O meu mundo non é deste reino, os dous actos no Auditorio. Ademais, a parroquia de Isorna celebra as súas festividades deste mes de xuño e a vila de Rianxo acolle unha queda nocturna de vehículos clásicos.
Venres 14 xuño
Manuel Losada, novo referente galego da literatura de terror, vai estar este mes de xuño en Rianxo, no Auditorio Municipal, presentando a súa obra literaria recente. Será este venres 14 de xuño, a partir das 20.00 horas.O acto contará coa presenza do autor pero tamén de Ana Ares e Julio Alcalde, concelleiro de Cultura de Rianxo. Losada, natural de Pontevedra e afincado en Boiro, é novelista e xornalista, ademais de afeccionado ao xénero de misterio, terror e fantasía, sendo Stephen King unha das súas principais influencias. É autor de novelas de éxito como A fábrica do esquecemento, O que os meus ollos non vían, O misterio da illa de Cortegada ou Trampa na Rede. A pesar de ser a literatura a súa gran paixón, traballou ao longo da súa vida na administración pública e no sector da seguridade privada, un posto que lle deu o impulso definitivo para empezar a escribir.

Domingo 16 de xuño
Este domingo 16 o Auditorio de Rianxo acolle o espectáculo O meu mundo non é deste reino, a cargo de Armadanzas Teatro, da Asociación Ondiñas Mainas de Rianxo, baixo a dirección de Amantia Coello. Será ás 19.00 horas con entrada de balde até completar a capacidade. Trátase dunha adaptación da Farsa de Bululú de Manuel María, Premio Abrente en 1973 e unha das máis representativas contribucións do noso teatro á loita anti-franquista. Guíndanos unha historia actualizada, moi vixente, sobre unha parella de bululús que viaxa polas feiras coa súa teatro portátil para escenificar unha e outra vez a historia dun gran rei que toma as rendas dun reino, amparado baixo todo tipo de cómplices corruptos.

Ademais nesta fin de semana tamén se van celebrar as seguintes actividades:



