A programación de verán impulsada pola Xunta chega este ano a máis de 200 concellos co obxectivo de “dispor dunha oferta cultural descentralizada e diversificada, accesible a todos os públicos con independencia da súa idade ou do seu lugar de residencia”. Así o anunciou este 25 de xuño o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, na presentación do CulturON, a campaña de actividades estivais que se estenderán por toda Galicia ata setembro.
Segundo dixo, baixo o lema Chega a Galicia CulturON 2024 para encher o verán de cultura englóbase a todo o sector ao contar tanto con proxectos propios da Administración autonómica como con colaboracións con diferentes institucións, de xeito que a Xunta asume un papel proactivo na xeración de contidos para todo tipo de público, desde a mocidade e as familias á xente de maior idade.

No acto interviñeron, ademais, Carlos Montilla, director do Festival 17º Ribeira Sacra, e Raquel Barredo, en representación do ciclo Danza 3. Pola súa parte, o grupo noiés Momboi, que forma parte da programación musical deste verán, puxo o son na presentación.
Tamén estivo presente o secretario xeral de Lingua, Valentín García.
Destacaron que o CulturON terá unha presenza continua nos medios de comunicación e en redes socias cunha campaña destinada a informar á poboación sobre o programa, que tamén se pode consultar vía internet na Axenda de Cultura de Galicia.
O programa inclúe case 550 actividades no marco dos distintos festivais que se celebran en moi diversas localidades (de narrativa, teatro, música…) con algunhas citas de especial relevancia como son as englobadas no Fest Galicia ou a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
Ademais, súmanselle os máis de 800 eventos vencellados a circuítos de danza, maxia, música, espectáculos de rúa, novo circo ou literatura, que farán fincapé nas zonas rurais. Cómpre salientar neste senso o programa Cultura no Camiño, centrado na Ruta Xacobea, ou o calendario das Feiras do Libro.
Un dos piares fundamentais da programación cultural de verán é a música en todos os seus xéneros. Así, os eventos previstos van desde a lírica aos sons máis tradicionais e concertos de moi diferentes estilos. O CulturON 2024 contará con máis de 200 citas musicais repartidas por todo o territorio con actuacións de grupos como Fillas de Cassandra, Carlos Núñez ou Budiño. Cómpre lembrar o xa consolidado festival Atardecer no Gaiás,que volve aos espazos exteriores da Cidade da Cultura cun cartel de 16 artistas entre xullo e agosto na que é a súa decimocuarta edición.
Os meses de estío preséntase tamén como unha oportunidade de visibilizar proxectos de artes escénicas de gran calidade, eido no que o principal protagonista é o Centro Dramático Galego, a unidade teatral da Xunta que este ano celebra o seu 40º aniversario e que ofrece máis de 200 funcións. Outras citas importantes son o ciclo de Danza 3 ou o Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán.
Os museos e as súas exposicións xogan un papel fundamental nesta época estival na que se poderá gozar dunha trintena de exposicións con moi variadas temáticas e que mostran o mellor das nosas artes visuais. Algunhas delas son Lamazares. Aínda é día, dispoñible no CGAC ata o 1 de setembro, Pontevedra no tempo, que se inaugurará proximamente na sede de Afundación de Pontevedra, ou Unha vida vikinga, que se poderá ver no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.
Pola súa banda, os centros da Rede de Bibliotecas Públicas que coordina a Xunta supoñen un espazo esencial no que pasar un bo tempo de lecer, aprendendo, divertíndose e conciliando con variedade de recursos para todas as idades. Neste sentido, dentro das 300 propostas, hai que destacar o servizo de A furgoteca, que achega estas opcións a un gran número de municipios das provincias de Lugo e Ourense, e o programa de dinamización da lectura Ler conta moito que ofrece recursos lúdicos para fomentar o hábito lector entre a cidadanía.
Neste marco tamén se desenvolve o Plan Corresponsables Cultura, un programa de conciliación para as familias a través de recursos culturais nos arquivos, bibliotecas e museos, centrados en espertar a curiosidade pola cultura nas idades máis temperás con campamentos, obradoiros ou biblioteatros. En total contabilízanse unhas 300 actividades englobadas nesta iniciativa.
Lingua e creación
Promover o uso e a valoración positiva da lingua tamén é unha das claves da tempada de verán. Así, a través do programa Falaredes poranse en marcha máis de 40 actividades por toda Galicia.
Ademais, a programación complétase coas residencias creativas, espazos onde as persoas participantes poden desenvolver e compartir os seus coñecementos e proxectos e que ofrecen nestes meses ao redor de 100 actividades. É o caso das Residencias literarias de San Simón e da Cidade da Cultura.



