Este venres 7 de xuño celebrouse no Coliseo Noelo de Noia a clausura do proxecto educativo Aulad nas Ondas, iniciativa de comunicación innovadora e creativa promovida polo Concello e Radio Líder Noia. No transcurso do programa, centros educativos do termo municipal tiveron a oportunidade de que os seus alumnos entrevistasen durante este curso escolar a persoeiros relevantes no mundo do deporte ou da cultura entre outros ámbitos.

Participaron no acto 300 alumnas e alumnos. Fixérono expoñendo as súas experiencias e desfrutaron da actuación do Mago Charly Braun.
Finalmente, os centros educativos participantes recibiron unha placa conmemorativa.

Como dixemos, Aulas nas Ondas é un proxecto en colaboración coa Concellería de Educación do Concello de Noia e con Radio Líder Noia. O obxectivo do proxecto foi “traballar a expresión oral en lingua galega mediante entrevistas a persoas recoñecidas dentro do ámbito cultural, deportivo e social da nosa contorna”. Os propios alumnos/as seleccionaron as/os entrevistados/as e prepararon as enquisas e as sesións na aula para, posteriormente, falar coas convidadas e convidados nos estudios de Radio Líder Noia.
Entre os persoeiros que participaron atópanse Francisco Pérez Villanueva, presidente da Asociación de Mariscadores de a Pé da Confraría de Noia, o cineasta local LUís Avilés ou o director do Conservatorio de Noia, Serafín Marcos.



