A portavoz de Mar do BNG, a pobrense Rosana Pérez, emprazou ao conselleiro do Mar, Alfonso Villares, a dar cumprimento á iniciativa do BNG que foi aprobada por unanimidade este mes de maio no Parlamento co obxectivo de “apoiar ás mariscadoras e os mariscadores ante a situación de sofren pola perda de produtividade das rías galegas dende hai anos e o efecto das choivas dos últimos meses”. Segundo lle comentou, “votar a favor está ben, pero o sector está farto de que lle dean a botón para votar a favor e logo non fagan absolutamente nada”. Amais, díxolle que “a situación no sector é límite e hai miles de persoas paradas, con moitos bancos marisqueiros pechados”, sen cría suficiente para poder planificar os próximos dous anos e sen que cesen os vertidos ou mellore a calidade das augas.

“O sector está farto de estar desatendido”, reiterou a deputada, quen, reflectindo as declaracións das traballadoras e traballadores do mar, sinalou que “se seguimos así en menos de 10 anos acábase o marisqueo”. E engadiu: “Eu digo que en dez anos non se acaba o marisqueo, en 10 anos vostede acaban cos mariscadores e polo tanto co principal obstáculo para entregar o mar ás grandes empresas de acuicultura”.
Pérez emprazou á Consellería do Mar a “dar cumprimento ao acordado na iniciativa do BNG”, que incluíria axudas directas dende outubro e ata que se recupere a actividade marisqueira, creación dun seguro público de produción marisqueira, demandar do Estado a exención das cotas da Seguridade Social para os afectados, atender a situación económica das confrarías afectadas e elaborar, orzamentar e executar un plan plurianual de medidas para comezar a recuperación e a rexeneración das rías.
A deputada da Pobra comezou a súa intervención lembrando que no ano 2023 recolleuse un 82 % menos de berberecho que a media dos últimos anos, un 76 % menos no caso da ameixa babosa, un 72 % menos de ameixa fina, un 68 % menos de ameixa rubia, e ata un 5 % menos de xapónica, que é a máis resistente. Trátase, comentou, “dunha desteita que ten provocado que o número de mariscadoras a pé descendese un 18 % nos últimos quince anos, cun Goberno do PP”, segundo denunciou a deputada do Bloque, “que non ten estratexia nin un verdadeiro plan de actuación para recuperar a produtividade das nosas rías”.



