O Museo do Gravado de Artes conmemora os 175 anos da Real Academia de Belas Artes coa mostra “Os traballos de Hércules”

23 Maio 2024

O Museo do Gravado de Artes (Ribeira) inaugurou este 23 de maio unha das máis destacadas mostras da tempada dentro do panorama galego da exhibición artística: a exposición Os Traballos de Hércules. Colección de gravados dos fondos académicos. Esta colección procede dos fondos da Real Academia Galega de Belas Artes que vai celebrar os 175 anos da súa creación durante o ano 2024-2025. Con esta exposición, que reúne 16 gravados orixinais pertencentes aos fondos da dita institución, inícianse os actos de celebración desta efeméride da Academia elixindo o Museo do Gravado como primeiro lugar expositivo para a conmemoración.

Na apertura, celebrada este mediodía, participaron o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, o presidente da RAGBA, Manuel Quintana Martelo, e o alcalde de Ribeira e presidente do padroado da Fundación Museo do Gravado de Artes, Luís Pérez Barral, ademais doutros académicos e autoridades.

No transcurso do acto, José López Campos, destacou “a importancia das entidades culturais na preservación da cultura galega”. Nomeadamente, referiuse ao museo de Ribeira e o destacado labor que fan “recollendo a nosa historia nas artes gráficas”. Amais, felicitou á Real Academia Galega de Belas Artes, que inicia con esta proposta a celebración do seu 175 aniversario e gabou “a iniciativa de achegar as súas coleccións a diversos puntos de Galicia”.

Segundo se fixo saber na inauguración, as obras expostas foron copiadas da serie de pinturas ao fresco que o artista italiano Luca Giordano realizou no S.XVII nunha das salas do Palacio do Bo Retiro de Madrid por encargo de Carlos II. Entre as aventuras de Hércules que se representan nas pezas aparece a lenda co xigante Xerión ao que venceu na Coruña, triunfo na honra do que se construíu a famosa Torre herculina.

Ademais do conselleiro, no acto tamén estivo a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo; o director xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo; o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, o comisario da exposición, José Ramón Soraluce, o director do Museo, Pastor Rodríguez, o tenente de alcalde de Ribeira, Vicente Mariño, e o rexedor de Noia, Santiago Freire, entre outras personalidades da contorna.

A orixe dos gravados dedicados a Hércules

O mitolóxico Hércules tivo unha importante presenza na tradición e nas lendas sobre a monarquía hispana. Xa na Idade Media se coñece a súa presenza en España, recreando e ampliando as fazañas realizadas polo heroe na Península durante os seus famosos Doce Traballos.

Durante o reinado de Felipe IV encargouse ao pintor estremeño Zurbarán a realización dunha serie de pinturas ao óleo co tema dos Traballos de Hércules, que decoraron o Salón de Reinos do Palacio do Bo Retiro en Madrid. Estas pinturas de 1634 están no Museo do Prado. Posteriormente, o rei Carlos II quixo decorar un dos salóns do mesmo Palacio encargando pinturas ao fresco ao artista italiano Luca Giordano coa mesma temática sobre Hércules.

Os frescos foron restaurados no S.XVIII polo pintor José del Castillo e copiados en cadros ao óleo, conservados na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando en Madrid. A partir destes óleos creáronse os gravados para a Calcografía Nacional, que son os que se atopan na Colección de Gravados propiedade da Real Academia Galega de Belas Artes.

Outros artigos

Venres 28, estabilidade con nubes e temperaturas sen cambios

A comarca continuará baixo a influencia das altas presións, con circulación do norte. A xornada comezará con néboas nas comarcas do interior, que se disiparán deixando ceos con nubes altas en xeral, aínda que máis anubrados no litoral norte e noroeste. As temperaturas...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Armarse para la paz por miedo al invasor Putin”. Manuel Velo

“Armarse para la paz por miedo al invasor Putin”. Manuel Velo

Después de cientos de años no aprendemos nada y seguimos la misma dinámica de guerras, en vez de llegar a acuerdos para construir en vez de destruir. Parece una contradicción que haya que armarse para la paz por miedo al invasor como Putin. Cuanto más poder tienen más...