O Concello da Pobra emite informe desfavorable á declaración de interese autonómico para o proxecto de Escurís e ofrece como alternativa o polígono industrial

08 Maio 2024

A solicitude de declaración de interese autonómica para o proxecto de ampliación de Escurís S.L. formulada pola corporación Jealsa tradúcese nun informe desfavorable por parte do Concello da Pobra do Caramiñal.
O alcalde, José Carlos Vidal, anunciou que a decisión foi unánime por parte de tódolos partidos que conforman o goberno municipal (Nós Pobra, BNG, PSdeG-PSOE e VIxP). Unha das principais razóns que refrendan esta postura é a afección que causaría esta ampliación na veciñanza da contorna, ademais das cuestións técnicas polo que ocasionaría no medio natural e na ordenación urbanística.
Se ben o rexedor manifestou que no executivo local “estamos abertos a buscar algún tipo de solución, non nos pechamos absolutamente en banda e somos conscientes de que a expansión da empresa Escurís é moi importante para a nosa vila, como tamén o somos do que representa esta empresa historicamente no crecemento económico do noso pobo. Agora ben, esta expansión non pode ser a calquera prezo.”
Unha das alternativas esgrimidas foi a de que se faga no polígono industrial da Tomada. Se ben actualmente está esgotado o terreo, o goberno municipal xa se atopa con Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) na fase de analizar a viabilidade económica de incrementa-lo chan industrial, polo que, a solicitude de ampliación de Escurís no parque empresarial podería facilitar e acelerar tamén a resolución desa necesidade de creación de solo.
Máis polo miúdo, o concelleiro do Urbanismo e do Medio Ambiente, Xosé Lois Piñeiro, apuntou que os informes técnicos emitidos por ámbolos dous departamentos foron desfavorables por carecer de suficiente información para valorar correctamente o proxecto. Tamén se referiu ao impacto negativo que tería esta ampliación na Baiuca en diversas vertentes.
En primeiro lugar, o incremento das molestias acústicas e olfactivas para os residentes desta área.
No que respecta a aspectos medioambientais, a memoria presentada polo grupo empresarial obvia as zonas de risco de inundacións a 10, 100 e 500 anos, especialmente, tendo en conta que a factoría se sitúa nunha área de ríos. O documento tamén omite a existencia dun corredor ecolóxico do Plan de Ordenación do Litoral (POL). E o crecemento da fábrica, tamén suporía un aumento do uso de auga, polo que non se garante a correcta subministración a toda a poboación.
En canto a razóns urbanísticas, o edil sinalou que esta solicitude de declaración de interese autonómico sáltase o Plan xeral de ordenación urbanística (PXOM) ao verse afectado na ampliación o chan rústico de protección de augas, de zona agropecuaria e zona verde. Así mesmo, ocasionaría unha afección paisaxística a carón do río Morto.
Outros detalles que mencionou o executivo local é que non se garante un incremento significativo dos postos de traballo, polo que non habería un retorno económico e social para o conxunto do municipio; ademais de que non se contemplan suficientes áreas de estacionamento no interior do recinto.
Esta decisión desfavorable unánime tamén se dará a coñecer nunha asemblea veciñal que terá lugar na tarde deste 8 de maio, no Auditorio do Museo Valle-Inclán, como continuidade á xa desenvolvida a finais do mes de abril para informar e recolle-lo sentir común.
Pola súa parte, os veciños e veciñas mobilizáronse coa creación dunha plataforma e a entrega de máis de 900 sinaturas na Administración local.
No ámbito autonómico, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiron os seus respectivos informes favorables á petición do grupo empresarial. Falta por coñecer o que dirá Augas de Galicia.
O Consello da Xunta ten que decidir agora se aproba a declaración de interese autonómico, que permitiría que se iniciara a tramitación do Proxecto de Interese Autonómico (PIA).

Outros artigos

Estabilizado o lume de Ribasieira (O Son)

A Consellería do Medio Rural informou de que o incendio forestal rexistrado no concello coruñés do Porto do Son, parroquia de Ribasieira, quedou estabilizado ás 18,15 horas de hoxe. O lume iniciouse ás 14,42 horas de onte e segundo as últimas estimacións provisionais...

+

Este mércores 23, comeza o outono logo dun verán de récord

Este verán foi o de maior número de días con temperatura máxima por riba dos 30 graos en Compostela, segundo datos do Observatorio Astronómico da USC Comeza o outono. Foto: Santi Alvite Ás 2:05 horas do mércores 23 dá comezo o outono no hemisferio boreal. Esa hora...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.