
O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego (BNG) da man de Rosana Pérez ven de presentar unha Proposición non de lei relativa ás actuacións de limpeza, mantemento, reparación e mellora da seguridade vial na AC-305 ao seu paso polos concellos da comarca da Barbanza.
A principal vía de comunicación que percorre a comarca da Barbanza, que cruza os núcleos de poboación máis importantes e que conecta os cascos urbanos dos catro concellos, a AC-305, segue sen formar parte das prioridades da Xunta de Galiza, nin no referido a unha reparación en profundidade, nin a respecto da seguridade vial que necesitan varios dos seus tramos, nin sequera en canto ao seu mantemento.
A última actuación de certo calado que se levou a cabo na AC-305 foi no ano
2016, onde se implementou unha nova capa de rodadura e, posteriormente, un repintado da vía. A día de hoxe, oito anos despois, o firme desa vía é unha verdadeira carreira de obstáculos, con enormes fochancas en moitos puntos onde a circulación para os vehículos é incluso de risco ao existir ademais un pintado da vía totalmente insuficiente.
Actuar nas travesías urbanas
En canto a seguridade, travesías como a de Campo de Pazos, en Taragoña, a de Escarabote, en Boiro, a de Palmeira, en Ribeira, ou zonas como a da Ribeiriña, San Lázaro ou o propio casco urbano da Pobra do Caramiñal son un auténtico risco para os viandantes e tamén para os vehículos e necesitan de actuacións perentorias de humanización.
Tampouco é menos importante polo estado no que se atopan en moitos puntos, a conservación e reparación onde proceda das beiravías que, por mor do seu deterioro, non cumpren a súa función e mesmo obrigan ás persoas viandantes a circular nalgúns casos pola propia estrada.
Ano tras ano o Grupo Parlamentar do BNG tenta modificar os orzamentos para poder enfrontar estas actuacións ao que se nega o Grupo Popular votando sistematicamente en contra.
Rosana Pérez di que a Xunta de Galiza vén desatendendo unha vía que é principal, que padece unha importante falta de mantemento e que agora xa non pode agardar máis por unha reparación.
Tamén bota en falata un repintado en condicións, tendo en conta que atravesa numerosos núcleos de poboación onde a seguridade peonil non se garante en todos os casos e que o seu deterioro dificulta cada vez máis a circulación dos vehículos.
A proposta insta tamén a levar a cabo de xeito inmediato a limpeza de maleza nas marxes da AC-305, nomeadamente ao seu paso polos núcleos de poboación, na comarca da Barbanza.
Efectuar o mantemento e a reparación das beiravías que o necesiten.
Priorizar, de cara a 2025, as partidas orzamentarias correspondentes para poder botar unha nova capa de rodadura e o pintado da vía, así como as medidas de seguridade necesarias nas travesías ou zonas máis poboadas e onde a inseguridade vial é maior.



