Medio cento de estudantes do IES Félix Muriel de Rianxo botáronse ao monte nunha xornada de eliminación de acacias

24 Maio 2024

Medio cento de rapaces de terceiro da ESO do IES Félix Muriel de Rianxo participaron na mañá deste 24 de maio nunha xornada de eliminación de acacia negra (Acacia melanoxylon) na contorna arqueolóxica das mámoas do monte da Pena, dentro do monte veciñal de Leiro. Foi unha actividade organizada polo Laboratorio Ecosocial do Barbanza e o proxecto Monte Vivo do centro educativo de Rianxo.

O obxectivo desta iniciativa é vincular a práctica educativa co territorio e as comunidades, “promovendo un modelo de aprendizaxe máis activo e participativo”.

O alumnado, acompañado de docentes, integrantes da xunta reitora do monte de Leiro e o equipo de Montescola, puido coñecer o problema que supón a proliferación de especies exóticas invasoras como a acacia negra a raíz do grande incendio de 2019 e aplicar na práctica a técnica do descasque para a súa eliminación e control. Trátase dun “enorme problema ambiental”, sinalou a organización, que precisa de accións directas e urxentes a pé de campo como a desenvolvida na mañá deste 24 de maio.

Ao longo da mañá o alumando descascou case medio millar de acacias, intervención que terá continuidade con futuras accións.

Estas convocatorias á participación cidadá forman parte da liña de acción do Laboratorio Ecosocial do Barbanza liderada por Montescola, que está dirixida a promover o traballo en rede. A través destas accións, o Laboratorio profunda na súa integración nas dinámicas sociais locais, implicando directamente ás comunidades participantes.

Apoio

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Eurocopa”. Xulio Xiz

“Eurocopa”. Xulio Xiz

Noto o peso dos anos, máis ca fisicamente nas continuas referencias a tempos idos. E non porque xeneralice a bondade do pasado, que moito habería que matizar, senón porque o paso do tempo me vai permitindo comparar situacións que me parecen aberrantes. O deporte –...