O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, vén de confirmar á Confraría de Pescadores de Ribeira e á Asociación de Empresarios deste municipio, que presiden, respectivamente, José Antonio Sieira e Francisco Martínez Gude, o apoio da Xunta de Galicia e nomeadamente do departamento que dirixe para a realización da terceira edición da feira gastronómica Gastromar, organizada pola patronal ribeirense co apoio do pósito.

O conselleiro explicou que “con esta colaboración consolídase a cooperación que o Goberno galego vén mantendo con estes colectivos e que contribúe a poñer en valor o produto e aquelas especies de peixe menos coñecidas pero que poden levarse ás mesas a través dunha elaboración máis innovadora e atractiva para o consumidor”.
Na xuntanza, Villares tamén puxo en valor a actividade que xera a pesca neste porto de baixura que é un dos máis importantes de Europa e conta con produtos de extraordinaria calidade incluídos dentro das dietas atlánticas, sas e sustentables, como poden ser a
sardiña, o xurelo ou a cabala, capturados pola frota do cerco e do arrastre.
A feira Gastromar, o salón de produtos pesqueiros de Ribeira, é un dos grandes acontecementos estivais da capital do Barbanza, no que se reivindican produtos e empresas locais, e peixes e mariscos de primeira calidade. O evento está impulsado dende a Asociación de Empresarios de Ribeira en colaboración coas Confrarías de Aguiño e Ribeira, cos produtores de mexillón (OPMEGA), co Concello de Ribeira e, tamén, coa Cooperativa de Armadores de Ribeira.
A segunda edición de Gastromar (a do verán pasado) celebrouse os días 25, 26 e 27 de agosto.



