A XXIV Mostra de Teatro Infantil de Ribeira arrinca este 31 de maio

30 Maio 2024

Esta edición desenvolverase do 31 de maio ao 8 de xuño no Auditorio Municipal e como novidade contará por primeira vez con agrupacións teatrais infantís dos catro concellos da comarca da Barbanza así como da contorna cun total de 10 formacións.

Este martes 28 de maio a concelleira de Cultura, Antía Alberte, presentou a vixésimo cuarta edición da Mostra de Teatro Infantil de Ribeira Daniel Gómez Ramil. Fíxoo na compaña de Óscar Romero, director do grupo infantil municipal. Esta mostra, sinalaron, permite pór en valor a creación teatral feita polos máis pequenos; e serve tamén para estrear a obra de teatro que prepararon os 20 cativos e cativas do grupo municipal.

Esta edición desenvolverase do 31 de maio ao 8 de xuño no Auditorio Municipal e como novidade contará por primeira vez con agrupacións teatrais infantís dos catro concellos da comarca da Barbanza así como da contorna cun total de 10 formacións. “Así pois teremos sobre o escenario ao grupo municipal de Ribeira, ao grupo de teatro do CEIP de Artes, o grupo Alondra de Palmeira, ao grupo do Colexio Bayón, os grupos das anpas de Bandaseca e Cadreche da Pobra do Caramiñal, dos grupos Teatrinclis e Patakamakabra da asociación Airiños de Rianxo, do grupo Mimarte de Boiro e do grupo municipal Vacalouras de Rois”, explicou a concelleira, engadindo que “algunhas son versións e adaptacións de obras xa coñecidas pero outras son novas creacións escénicas froito da creatividade e orixinalidade dos directores e mesmo do alumnado”.

Así, pasarán polo escenario do Auditorio Municipal de Ribeira máis de 170 artistas, aínda que os participantes nesta mostra superan os 400, pois moitas nenas e nenos, profesorado, directivos das asociacións de nais e pais e familiares dos artistas colaboran nas tarefas de escenografía, ensaios, traslados ou montaxes”.

As funcións serán todas elas ás 19.30 horas e con entrada gratuíta, con apertura de portas media hora antes para todos aqueles que queiran asistir. Comezará o venres 31 de maio o grupo do CEIP de Artes, sendo a clausura o sábado 8 de xuño, coa actuación do grupo municipal infantil e co acto oficial de clausura da mostra coa entrega dos diplomas e os agasallos a todos os participantes.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Eurocopa”. Xulio Xiz

“Eurocopa”. Xulio Xiz

Noto o peso dos anos, máis ca fisicamente nas continuas referencias a tempos idos. E non porque xeneralice a bondade do pasado, que moito habería que matizar, senón porque o paso do tempo me vai permitindo comparar situacións que me parecen aberrantes. O deporte –...