A praia de Lombiña-Cabío recupera a bandeira azul (e mantena o Club Náutico de Portosín)

07 Maio 2024

Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor recoñece cada ano a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos.

Segundo se reflicte na listase de ADEAC, Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).

Dos 114 areais galegos galardoados nesta edición (que se estenden ao longo de 53,5 km de costa e supoñen 1 máis que en 2023) ningún recibe este distintivo por primeira vez pero cinco deles recuperan a bandeira que non luciron o ano pasado. Son, concretamente, Lombiña-Cabío, na Pobra do Caramiñal, Area Maior, en Malpica de Bergantiños, A Ribeira, en Miño, Ladeira, en Baiona, e Xiorto, en Poio.

ADEAC tamén deu a coñecer este 7 de maio a relación de portos deportivos nos que ondeará a bandeira azul. Das 102 instalacións recoñecidas no conxunto do país, 11 están en Galicia, unha menos que na pasada edición, xa que o Club Náutico Boiro-Marina Cabo de Cruz non presentou candidatura este ano por estar en obras. O que si que ostenta a dita distinción este ano é o Club Náutico de Portosín (Porto do Son).

Ademais, ADEAC recoñeceu un ano máis o labor dos chamados centros azuis, categoría na que se engloban aulas de natureza, centros de recepción de visitantes e instalacións similares dedicadas á educación ambiental. Dos 87 galardoados en todo o país, 15 están en Galicia.

Polo que se refire aos criterios seguidos pola asociación para conceder a bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas —que ten que ser excelente—; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade. Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.

Líder en sendeiros azuis

Por último e con relación aos chamados sendeiros azuis, Galicia segue sendo a comunidade con máis sendeiros azuis: 49 este ano, 14 máis que na edición anterior. En total e sumando praias, portos, centros de visitantes e sendeiros distinguidos este ano por ADEAC, Galicia atesoura 189 insignias azuis, balance co que mellora a súa posición a nivel nacional ao superar por primeira vez a Andalucía (con 188) e situarse como a segunda comunidade española con máis distintivos azuis en todas as categorías.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión