
A Marea de Noia reclamou no pasado pleno que o autobús Noia-Santiago teña parada diante do propio Hospital Clínico de Compostela. Segundo indica a agrupación, esta medida “permitiría facilitar o acceso aos centros hospitalarios xa que a liña do bus urbano C4, con frecuencia cada 20 minutos, permite achegarse ao Hospital Provincial”.
A concelleira Chelo Martínez, asegurou que “son moitas persoas con mobilidade reducida as que teñen que subir a costa que une a actual parada co Hospital Clínico”.
Tamén indicou que “esta pequena modificación non influiría no alumnado, xa que a liña pode facer a parada sen dificultades no Camiño Novo diante do Campus Universitario”.
Dende a Marea destacan que o Concello de Noia “non fixo este traballo cando tocaba”, no Plan de Transporte de Galicia e insisten “en que Noia precisa unhas mellores comunicacións no transporte público”.
Chelo Martínez, recoñeceu estar satisfeita co acordo ao que chegou o Concello de Santiago de Compostela coa Xunta de Galicia para habilitar outro estacionamento no Hospital Clínico. Asegurou que “ cada día é máis difícil aparcar e hai que pagar constantemente por aparcar preto do hospital”. Por último indicou que dende “o Executivo local deberíase implementar unha campaña informativa sobre o uso do transporte público, dos horarios e das diferentes combinacións”.



