SEA e Concello de Boiro avanzan na ampliación do Polígono de Espiñeira

30 Abril 2024

A sociedade Solo Empresarial do Atlántico (SEA), a través da súa xerente, Beatriz Sestayo, e o Concello de Boiro, representado polo seu alcalde José Ramón Romero, xunto aos servizos técnicos de ambas as entidades mantiveron este luns 29 de abril unha xornada de traballo para avanzar na ampliación do Polígono de Espiñeira.

Segundo explicaron fontes de SEA, a alta demanda de superficie industrial na zona e a falta de parcelas nunha contorna empresarial que xa leva tempo ocupada na súa totalidade, precipitaron este encontro co fin de chegar a acordos rápidos que “permitisen axilizar os trámites”.

A través deste marco de colaboración, o Concello de Boiro farase cargo, de maneira inminente, da modificación do PXOM coa súa avaliación ambiental, procedemento que permitirá avanzar na localización, na que concordan as dúas entidades.

O Goberno local presentou un avance para poñer ao dispor do proceso dúas fases de 115.000 metros cadrados e 190.000, respectivamente.

Tanto Sestayo como Romero comprometéronse a estudar as fórmulas de xestión das propiedades dos terreos, das necesidades das empresas instaladas nos mesmos, así como buscar e chegar aos acordos máis adecuados que permitan simplificar os trámites. Os equipos técnicos de ambas as entidades xa traballan tamén nesa liña.

Por outra banda, Beatriz Sestayo avanzou que este verán coñeceranse os resultados do estudo de viabilidade técnica, económica e xurídica contratado por SEA. Ao remate do encontro, Sestayo quixo incidir “no perfecto entendemento entre ambas as partes sobre a concepción de superficie industrial como necesidade para a creación de emprego”.

A xerente da sociedade dixo que “sabemos que hai unha gran demanda de solo no Barbanza, por iso desde SEA imos facer todo o que estea nas nosas mans para satisfacer esa necesidade na zona e permitir que siga crecendo e xerando postos de traballo”. Na mesma liña manifestouse o alcalde, José Ramón Romero, reiterando que “Boiro necesita a ampliación de solo industrial para que as industrias poidan medrar e se poidan asentar novas empresas que xeren emprego non municipio”.

Outros artigos

CONGALSA recolle o Premio á Empresa do Ano

A empresa CONGALSA, con sede principal na Pobra do Caramiñal e centrada no ámbito da alimentación baseada en produtos pesqueiros, amais de ser un referente en innovación, transformación e responsabilidade social empresarial, vén de recoller o Premio de Empresa do Ano....

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión