Ribeira enche de actividades culturais o mes de maio

30 Abril 2024

O Concello de Ribeira presentou as actividades do programa Maio Cultural, unha axenda na que o equipo de Goberno, a través das áreas de Educación e Cultura, envorcou esforzos para que fose o máis completa posíbel tendo en conta que e encadra no mes das letras por excelencia e coincide, así, co Día das Letras Galegas que este ano a RAG acordou adicar á poeta coruñesa Luísa Villalta. Haberá, polo tanto, accións directamente encamiñadas a impulsar e reivindicar a cultura galega.

A primeira das propostas, e coa que se abre a programación, é a inauguración este xoves día 2 ás 20:30 h da décimo cuarta edición da Bienal de Pintura do Eixo Atlántico. Tras pasar por cidades como Braga ou Maia, esta mostra chega agora a Ribeira para amosar os 25 traballos seleccionados de entre os máis dun cento de artistas que se presentaron á convocatoria.

Amais, no mes de maio, grazas á colaboración coa Deputación da Coruña, contarase coa proxección do documental de outense Alberto Sacido baseado no escritor Suso de Toro, Suso Fóra de Lugar. Será o 4 de maio ás oito no Auditorio. Inclúe un coloquio posterior co director e co propio Suso de Toro.

O día 15, coincidindo co cabodano do pasamento do fillo adoptivo de Ribeira Manuel Ayaso, organizarase un pequeno acto solemne na súa lembranza. Será ás oito da tarde no Cemiterio Municipal e contarase coa participación de varios escritores e poetas que recitarán versos na súa memoria e unha pequena interpretación musical.

Outra data destacada será ao día seguinte, o 16 de maio, xa que ás oito e media no Centro Cultural Lustres Rivas presentarase a novela premiada na novena edición do Certame de Novela Curta Cidade Centenaria de Ribeira, que recaeu no escritor Manuel Esteban coa obra O xogo de Escher. A todas as persoas que acudan á presentación agasallaráselles cun exemplar da obra. Ademais o Concello aproveitará a convocatoria para asinar unha nova edición do convenio de colaboración coa editorial Xerais para a posta en marcha da décima edición deste concurso literario.

Na propia xornada do 17 de maio, Día das Letras Galegas, haberá varias accións previstas. Por exemplo un espectáculo infantil con Pablísimo ás 12 na praza de porta do Sol, unha ruada de música tradicional polas rúas da cidade a cargo da agrupación Tahume, a xornada das letras que se organiza en Aguiño da man da asociación Francisco Lorenzo Mariño e, para pechar o día, a coral municipal ofrecerá un concerto ás oito e media no auditorio municipal.

Xa no día 18 a compañía Redrum Teatro trae ao Auditorio a obra O pequeno Poni e ao día seguinte, o domingo 19, a Asociación Cultural Albéniz organizará unha xornada de portas abertas da súa Rondalla. Será de 17.30h a 20.00h na Aula de Música de Aguiño e durante este tempo as persoas que asistan poderán coñecer o traballo que realizan ao longo do ano e probar os seus instrumentos.

Rematará o mes de maio o día 31 cun acto tamén no auditorio no que se fará entrega dos premios do concurso escolar literario das letras galegas aos escolares gañadores en cada categoría e os agasallaremos tamén co espectáculo A Danza do Verán de Xoán Curiel.

Presentaron a actividade as concelleira de Cultura Antía Alberte, a de Educación Cruz Rivadulla, o segundo tenente alcalde Fran Suárez e o concelleiro de Mar Fernando Abraldes.

Outros artigos

En Ribeira a rapazada de Banda ó Río estrea un novo parque infantil

O barrio ribeirense de Banda ó Río estrea hoxe un parque infantil completamente renovado. O goberno local, xunto cun bo número de veciños e veciñas, puideron comprobar as novas instalacións de xogo. O investimento para actualizar o Parque de Pedra Pateira ascendeu a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión