
A Asociación AGADEA Alzhéimer e a entidade italiana Mestieri Lombardia van celebrar o vindeiro martes 16 de abril unha xuntanza transnacional de estudantes no IES Félix Muriel de Rianxo. Trátase dunha xornada abeirada ao proxecto Erasmus+ entre España e Italia para estudantes de Formación Profesional: o proxecto Care4You. A través del búscase mellorar os ensinos de FP sociosanitaria e de atención ás persoas maiores.
Debaterase para crear un novo perfil profesional, o de Auxiliar Co-terapeuta, e presentaranse os detalles do proxecto innovador Care4You.
Inaugurará a sesión o director xeral de Persoas Maiores, Antonio Acevedo, e despois haberá unha conferencia do neurocientífico Carlos Spuch, baixo o epígrafe Novas fronteiras na enfermidade do Alzhéimer. Tamén asistirán representantes políticos da zona do Barbanza como o alcalde de Rianxo, concelleiro de Servizos Sociais de Boiro, entre outros.
O público estará formado por estudantes de FP, entidades sociais, e público en xeral.
A xornada dará comezo ás 11.00 coa presentación do proxecto Erasmus+ Care4You a cargo de Ramón Manuel Veiga Fernández, director do IES rianxeiro, Isabel Gey Pérez, presidenta de AGADEA, e Stefano Radaeli director do Mestieiri Lombardia.
Logo do relatorio de Carlos Spuch virá unha intervención de Bartolomé Rigó Roca, director técnico da Fundación Estel de Llevant, quen amosará as experiencias de boas prácticas do Modelo de 3 Salut Mental.
Previamente, o luns 15 de abril, celebrarase unha xornada de presentación de Care4You pola tarde, a partir das 16.00 horas.




