
O salón de plenos do Consistorio de Rianxo acolleu este xoves 4 de abril a presentación dun proxecto que senta os alicerces dunha planificación ordenada e conxunta para a ordenación sustentábel dos montes do municipio e inclúe actuacións a pé de campo como labores de gandaría, plantacións biodiversas, accións formativas, etc. O proxecto Laboratorio Ecosocial do Barbanza, do que forma parte o Concello rianxeiro, vén da man da Fundación RIA do arquitecto David Chipperfield e a Plataforma en Defensa do Monte. A iniciativa conta co apoio da Fundación Biodiversidade (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) cunha axuda de 1.899.863,38€.
O proxecto, que aspira a converterse nun modelo de referencia a nivel europeo en materia de xestión sustentábel colaborativa, desenvolverase en seis das comunidades de montes de Rianxo. Nel conflúen tamén entidades como a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade Pablo Olavide de Sevilla e a Fundación Montescola.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza, creado en 2020 pola Fundación RIA e a USC, é un proxecto de investigación e acción que traballa coas comunidades da comarca na transición sustentábel do territorio, recuperando os saberes locais a prol da circularidade, a gandería rexenerativa ou a restauración de chans.
A primeira fase do proxecto culminou cunha convocatoria para o apoio de proxectos semente (iniciativas exemplares de xestión territorial); a publicación do libro Cando eramos sostibles: aprendendo no Barbanza as claves do futuro; e a identificación de accións prioritarias para a xestión sustentábel dos montes veciñais de Rianxo.



