
A nosa comarca vai acoller este mes de maio unha nova edición do Almorzo de Empresarios baixo o lema Descubrindo o éxito de anos na comarca do Barbanza. Celebrarase o 3 de maio no número 21 do Polígono de Espiñeira, en Boiro, a partir das 7.15 horas. Trátase, en palabras da organización, “dun evento único” impulsado por un selecto grupo de empresarios da nosa contorna co obxectivo de incrementar a colaboración con outros líderes empresariais do Barbanza e Galicia e para “celebrar oito anos de crecemento económico e éxito empresarial”.
E engaden: “Desde os seus comezos hai oito anos, este evento converteuse no corazón latente do networking empresarial na comarca. Cada ano, reunimos a mentes innovadoras, líderes visionarios e emprendedores audaces para crear unha sinerxía única que impulsou o desenvolvemento económico sustentábel e xerou máis de 17 millóns de euros na nosa comunidade”.
Segundo indican, “este almorzo non é só unha celebración dos nosos logros pasados, senón tamén unha mirada cara ao futuro; é unha oportunidade para mergullarse en conversacións estimulantes, explorar novas oportunidades de colaboración e descubrir os segredos detrás do noso éxito duradeiro”.
As persoas empresarias interesadas en participar “nesta experiencia única” e en “formar parte dunha rede exclusiva de empresarias e empresarios” poden confirmar a súa asistencia antes do 30 de abril escribindo a terramar@bnigalicia.com ou chamando ao 652.912.953.