
O Concello de Boiro recibiu unha subvención da Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia para o fomento de emprego no medio rural, Aprol rural. A subvención, dun importe de 36.057,79 euros vaise destinar á contratación dun técnico forestal e un peón.
O obxectivo desta subvención é a contratación de dúas persoas para a realización do servizo de prevención de incendios forestais nas faixas secundarias dos núcleos rurais do Concello de Boiro no ano 2024. O Concello de Boiro conta con 111 entidades singulares nas parroquias que deberán ter faixas do 50m de roza e retirada das especies para previr a propagación dos lumes.
As funcións a desenvolver do técnico forestal serán as de inspeccionar as parcelas incluídas nas franxas de prevención dos núcleos de poboación, identificando aos propietarios que incumpren os criterios da xestión da biomasa. Pola súa parte, o peón participará das tarefas de limpeza de parcelas municipais de influencia forestal e os camiños públicos que requiran roza manual.
A contratación realizarase na modalidade de persoal laboral temporal, por unha duración de nove meses. A convocatoria do proceso selectivo farase a través do Servizo Público de Emprego de Galicia para persoas demandantes non ocupadas.



