O Concello de Boiro amosou o seu “total rexeitamento á implantación dunha macrocelulosa en Palas de Rei” e presentou alegacións a un proxecto que en palabras do equipo de Goberno “afectaría directamente aos bancos marisqueiros e pesqueiros da Ría de Arousa, principal sustento económico do municipio de Boiro e da nosa comarca”. O alcalde, José Ramón Romero, asinou esta mañá as alegacións para presentar, na compaña da concelleira María Outeiral.

En relación ao anuncio feito pola Consellería de Industria polo proxecto que a empresa Greenfiber SL quere desenvolver en Palas de Rei e ás modificacións realizadas dende a presentación inicial do proxecto para una fábrica de téxtil ecolóxica e que mudaron ata converterse nunha empresa de elaboración de celulosa, o Concello de Boiro amosa o seu total rexeitamento á implantación desta industria e do seu abastacemento e vertido ao río Ulla.
Segundo se indica dende o Consistorio, “para o seu funcionamento a industria requirirá unha gran cantidade de auga, enerxía e tamén eucaliptos, o que afectará de maneira negativa á paisaxe da comarca da Ulloa e a todos os concellos bañados polo río Ulla ata a súa desembocadura na ría de Arousa”. Ademais, engádense nas alegacións, “máis do 65% da auga empregada pola industria volvería ao curso fluvial, tratada con químicos, o que afectaría de xeito directo á calidade das augas da ría de Arousa, aos bancos marisqueiros da zona e ao principal sustento económico da nosa comarca que é o mar”.
Ante estas consecuencias gravísimas da implantación de Altri en Galicia, o Concello de Boiro mostra o seu total rexeitamento á implantación desta industria promovida por Greenfiber, SL e, do mesmo xeito reclama un plan integral para a ría de Arousa que inclúa a rexeneración dos bancos marisqueiros, o seu saneamento integral, un control das verteduras así como a regulación e publicidade no protocolo de desencoros.



