O Concello de Boiro colabora co equipo de fútbol gaélico Galicia Bealo Lorchos no desenvolvemento da Copa Galega de Fútbol Gaélico 2024 que terá lugar este sábado 13 de abril en Boiro. Na presentación da actividade, que se realizou esta tarde, estiveron o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, e o directivo e xogador do club, Marcelino Álvarez, e outros membros do club.
“Gracias, unha vez máis, ao dinamismo dos clubs e entidades locais imos poder presenciar en Boiro unha xornada de deporte que tamén fomenta a promoción económica e o turismo no noso municipio”, afirmou o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, que convidou á veciñanza a presenciar estes encontros dun “deporte moi dinámico e atractivo de ver”.
Hai inscritos un total de 14 equipos, 8 masculinos e 6 femininos, que durante a xornada disputarán uns partidos divididos en dúas partes de 9 ou 12 minutos para rematar cunhas eliminatorias e unha final. “é a primeira vez que se celebra no Barbanza un evento como este de fútbol gaélico, no que van participar equipos de toda Galicia”, afirmou Marcelino Álvarez.
Os encontros do campionato vanse desenvolver nas instalacións de Valiño e Vista Alegre durante todo o día, dende as 10.00 e ata as 20.00 horas e logo da entrega de premios haberá unha pequena festa de encontro entre equipos e afeccionados. “É unha xornada para dar a coñecer este deporte e que conserva os valores máis xenuínos do deporte”, afirmaron dende a organización.




