Continúa o importante labor da central telefónica de atención á soidade non desexada habilitada pola Xunta
A central telefónica de atención á soidade non desexada habilitada pola Xunta fai un chamamento ás galegas e aos galegos para tirar proveito do servizo e atopar, a través del, recursos que lles axuden a reducir o seu illamento e incrementar a súa calidade de vida. Por medio deste chamamento a central lembra que o servizo está activo de luns a venres cun completo equipo de profesionais atendendo todas as chamadas: un equipo especializado da Cruz Vermella que escoita, orienta e informa, e que no seu primeiro ano de actividade atendeu a cifra nada desprezable de 8.000 chamadas. Recórdase tamén que o obxectivo non é dar servizo unicamente ás persoas maiores, senón a calquera persoa de calquera idade que poida estar pasando por unha situación de illamento social e incomunicación,
Ampla folla de ruta galega
A central telefónica é só un dos piares da Estratexia galega contra a soidade non desexada, que consta dunha ampla folla de ruta centrada en tres eixos: a sensibilización, a prevención e a actuación. Deste xeito, o Goberno galego xa leva anos impulsando accións destinadas a prever estas situacións a través de programas como Xantar na Casa ou Xuntos polo Nadal.
A estas iniciativas súmanse a colaboración cos Colexios Oficiais de Administradores de Fincas, de Farmacéuticos e as Asociacións de Comerciantes, organismos de proximidade que desenvolven un importante labor na sensibilización e na detección de calquera sinal de alerta.
Un problema que cómpre atallar
Nos últimos anos a Xunta ten expresado a súa preocupación pola cuestión da soidade non desexada, un problema social que afecta cada vez máis a vida dos galegos e galegas e que se intensifica debido á maior esperanza de vida da poboación.
Combatela converteuse nun reto para o Goberno galego e por este motivo conta cos recursos sociais necesarios para que toda persoa que viva ou se sinta soa se saiba arroupada, viva onde viva, e sexan cales sexan as súas circunstancias persoais, sociais ou económicas.
A Xunta recorda neste punto que a soidade prolongada no tempo e non requirida pode afectar o noso benestar físico e emocional. Para combatela, ten habilitada a devandita central multicanle de atención, da man de Cruz Vermella, que funciona ininterrompidamente para escoitar, acompañar e axudar a quen o precise.
Trátase dun teléfono gratuíto e confidencial no que sempre se atopa resposta e entendemento e que foi impulsado para “detectar, empatizar, previr e actuar” contra a incomunicación das persoas maiores ou non necesariamente maiores.
Central multicanle
A central multicanle ofrece, entre outros servizos, atención telefónica de balde, seguimento personalizado e puntos de información e atención en toda Galicia. Así, achéganse recursos para localizar a quen se atope illada/o e pór remedio a esta situación. No punto de mira está un colectivo de nada máis e nada menos que de 170.000 persoas: o colectivo de galegas e galegos que se acha a día de hoxe en risco de sufrir soidade non desexada, ou sufríndoa xa.
O eixe central é unha liña telefónica gratuíta atendida por profesionais da Cruz Vermella, no número 900 830 831, dispoñible de luns a venres de 10:00 a 18:00 horas, e coas chamadas recibidas fóra de horario atendidas por un contestador e devoltas ao día seguinte.




