A exposición itinerante impulsada por Amicos con motivo do Día Mundial da Concienciación sobre o Autismo continúa o seu percorrido polo Barbanza. Despois de visitar Ribeira, Porto do Son e A Pobra do Caramiñal, a mostra aterrou este 15 de abril no
centro de Boiro. Para darlle a benvida, este luns a entidade organizou un acto na rúa Doutor Santos Mieites 15, lugar da súa instalación, no que participaron autoridades e escolares da zona.
O evento comezou a media mañá da man do alumnado de Centro de Educación Especial de Amicos, que foron os encargados de conducir un xogo de adiviñar palabras relacionadas co autismo. Nel participaron as nenas e nenos de 4o de primaria do CEIP Plurilingüe Praia Xardín e as e os usuarias/os do Centro de Día de Amicos.
A continuación os peques da sede de Amicos en Oleiros (Ribeira) procederon á lectura dun manifesto no que continuaron a reclamar unha educación de calidade que se adapte ás necesidades e circunstancias de todo o alumnado. Tamén destacaron a necesidade de accións que favorezan a inclusividade.
Porén, o prato forte da xornada foi a presentación da exhibición, localizada no casco urbano de Boiro, fronte á Panadería Susi. Alí permanecerá durante toda a semana, do luns 15 ao domingo 21 de abril. A mostra consiste en tres tótems con información sobre o trastorno do espectro autista, que busca sensibilizar e concienciar á comunidade sobre a realidade das persoas con autismo.
Ao acto acudiron tamén o alcalde de Boiro, José Ramón Romero, a vicepresidenta de Amicos, Digna Iglesias, e Xoan España, director xeral da asociación; aos que se uniron algunhas familias de beneficiarios/as e varios viandantes.
Con respecto á chegada desta mostra a Boiro, a vicepresidenta da entidade boirense quixo destacar “a implicación do CEEPR de Amicos cos colexios da zona á hora de levar a cabo accións referentes á inclusión. Nesta ocasión, con esta campaña coa que estamos percorrendo distintos municipios buscamos divulgar e sensibilizar sobre o autismo”. Tamén quixo dirixirse aos alumnos do CEIPP Praia Xardín para “agradecer a vosa colaboración”, como tamén tivo palabras de agradecemento para o Concello de Boiro, en especial para o alcalde, “por estar con nós apoiando esta acción coa que sensibilizar e concienciar sobre o autismo á sociedade. Gracias a todos por vir”.
Pola súa banda, Romero deulles a benvida a Boiro “a todos os nenos e nenas do CEEPR de Amicos. Quero tamén darlle as grazas a Amicos por achegar visibilidade ao autismo e por contar con Boiro para iso, e en especial ás profesoras e profesores de Amicos polo bo labor que están a realizar”.
Próximas paradas da exhibición de Amicos
Esta campaña informativa naceu coa idea de percorrer distintos puntos do Barbanza para achegarse aos veciños e veciñas de todos os puntos da comarca, co obxectivo de democratizar información sobre o autismo e normalizar este trastorno. Despois dunha semana en Boiro, a próxima etapa no itinerario da exhibición sobre o autismo de Amicos será Rianxo. Alí estará instalada na praza de Padrón entre o 22 e o 28 de abril. Noia acollerá a exposición do 28 de abril ao 6 de maio na praza do Concello e Lousame será a última parada no itinerario, onde os monólitos estarán instalados do 6 ao 12 de maio, tamén fronte á Casa Consistorial. Ata o de agora, xa percorreu os concellos de Ribeira do 2 ao 7 de abril, Porto do Son entre o 8 e o 10 do mesmo mes, e A Pobra entre o 11 e o 14.