A Deputación aplicará tecnoloxías de Intelixencia Artificial para o deseño da futura rede provincial de estradas

02 Abril 2024

O pleno da Deputación da Coruña aprobou este primeiro de abril (cos votos favorábeis de PSOE, BNG e Alternativa dos Veciños e abstención do PP), o primeiro plan estratéxico de estradas da institución, en palabras do Goberno provincial “un instrumento pioneiro que está destinado a ser a folla de ruta sobre a que planificar, mellorar e modernizar a xestión da rede de estradas da Deputación, conformada por un total de 421 vías con máis de 2.000 quilómetros de lonxitude e un tráfico de máis de 400.000 vehículos cada día”.

Ademais, o presidente Valentín González Formoso destacou que entre os principais obxectivos do plan figuran incrementar a seguridade de vehículos e peóns, racionalizar a rede viaria provincial, mellorar a conservación e o nivel de servizo das vías provinciais, apoiar o desenvolvemento do rural, mellorar a infraestrutura para o transporte público e incorporar as novas tecnoloxías á xestión da rede viaria. Esta transformación dixital levarase a cabo coa integración de ferramentas de IA (Intelixencia Artificial, Big Data e xemelgo dixital). O plan, que terá un marco temporal de cinco anos (2024-2029) e unha previsión orzamentaria de 210,5 millóns de euros, parte dunha radiografía da situación actual da rede de estradas e establece seis eixos de acción, doce obxectivos estratéxicos e 21 liñas de acción para a mellora na xestión da rede provincial de estradas.

Radiografía da rede

No estudo previo sinálase que fronte aos 571,73 quilómetros de estradas do Estado e os 1.725 quilómetros de estradas autonómicas cos que conta a provincia da Coruña, a Deputación xestiona un total de 2.060 quilómetros en 421 vías, o que supón que preto da metade de todas as estradas coruñesas son de titularidade provincial. Ademais, polas estradas provinciais circulan cada día máis de 400.000 vehículos e nos últimos anos (2019-2023) os datos de sinistralidade confirman un descenso dun 8% no número de accidentes e dun 5,8% no total de vítimas nestes (mortos, feridos graves e leves).

Racionalizar a rede viaria provincial

Un dos obxectivos do plan é racionalizar a rede viaria provincial, xa que 239 estradas discorren por un só concello e máis dun terzo destas teñen unha lonxitude inferior a un quilómetro. A Deputación recoñece que xestiona numerosos treitos de vías que na práctica “funcionan como rúas nos centros urbanos”, polo que “son susceptíbeis de ser transferidas aos concellos”, e “outras que conectan vías autonómicas ou enlazan con outras provinciais, polo que sería máis apropiada a súa transferencia á Administración autonómica”.

A Deputación contempla negociacións con Xunta e concellos para acordar as estradas susceptíbeis de transmisións mediante convenios, así como as súas condicións, e estima preto de 18,5 millóns para as transferencias a municipios e 29,1 para transferencias á Administración autonómica.

Para a entidade provincial, “a racionalización suporá tamén unha mellora da conservación das estradas, na que a Deputación inviste actualmente máis de 11 millóns de euros anuais, ao diminuír os quilómetros que hai que manter”.

Incrementar a seguridade e apoiar o desenvolvemento rural

Entre os obxectivos do plan está tamén “incrementar a seguridade das vías provinciais, incidindo nos usuarios e usuarias máis vulnerábeis como peóns e ciclistas, seguidos de motoristas, turismos e vehículos pesados”. Esta mellora da seguridade levarase a cabo con actuacións como a creación de itinerarios peonís seguros que se sumarán aos 380 quilómetros de beirarrúas e sendas peonís xa existentes; ampliación e mellora do trazado das vías, adecuándoas aos niveis de tráfico real que rexistran, melloras no plan de conservación e redución nos tempos de tramitación e execución das obras.

O capítulo de conservación de estradas é o que conta coa maior previsión orzamentaria (70,6 millóns de euros), seguido dos novos investimentos (47,1 millóns), mellora de firmes (15 millóns) e sendas peonís (11,1 millóns).

O plan incide tamén na “importancia dunha política axeitada de investimentos nas vías dos municipios rurais”, así como “contribuír a mellorar as condicións de uso do transporte público, que non é unha competencia provincial, mediante melloras de trazados e firmes ou adecuación de marquesiñas e paradas de bus”.

Transformación dixital e innovación

Ademais das melloras na rede viaria, o plan estratéxico de estradas incide na necesidade de potenciar a transformación dixital coa implantación da metodoloxía BIM (Building Infomation Modelling) que emprega modelos dixitais tridimensionais que conteñen información detallada dos distintos aspectos dos proxectos como son os xeométricos, datos de materiais ou custos, “logrando unha xestión máis eficiente”, explicaron dende o Goberno da Deputación, engadindo que “coa finalidade de mellorar tanto a planificación como a xestión diaria das actuacións na rede provincial de estradas, proponse a implantación de sistemas de Intelixencia Artificial, Big Data e xemelgo dixital, unha réplica virtual da estrada que combina datos en tempo real con modelos dixitais detallados”. Coa progresiva implantación destas tecnoloxías preténdese “por unha banda diminuír os erros de deseño e coordinación das obras e pola outra aumentar a cantidade de información dispoñíbel que posibiliten unha toma de decisións máis acorde ao estado real e uso das estradas”.

O investimento previsto no apartado de transformación dixital é de 1,1 millóns de euros.

Outros artigos

Xoves 10, chuvascos diminuíndo cara a noite e lixeira baixa térmica

Na xornada do xoves agárdanse intervalos nubrados con chuvascos intermitentes, máis frecuentes no oeste pola mañá e no interior nas horas centrais do día, remitindo cara á noite. As temperaturas sufrirán un lixeiro a moderado descenso. Os ventos soprarán frouxos,...

+

O Concello de Ribeira insta á Xunta a dragar o porto de Santa Uxía

O pasado luns 30 de setembro celebrouse o pleno ordinario da Corporación do Concello de Ribeira onde o concelleiro de Mar, Fernando Abraldes presentou unha proposición cun amplo expediente onde se detallou o precario estado de mantemento e conservación que presentan...

+

Achan cadáver flotando no mar en Rianxo

Esta tarde, ao redor das catro, foi localizado o cadáver dun home flotando no mar, á altura de Punta Abuín, na desembocadura del Río Ulla, na parroquia de Leiro. Aínda que aínda falta a confirmación oficial, sospéitase que podería tratarse de Félix Triñanes Sánchez,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La hemeroteca y la realidad”. José Castro López

“La hemeroteca y la realidad”. José Castro López

Circula por la red una intervención del presidente del Gobierno en el Parlamento quedebió producirse cuando intentaba acordar la formación de Gobierno con Ciudadanos -las cámaras captaron a Rivera y Girauta en actitud de aprobación a su discurso-, del quereproduzco...

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

“Palabra de Rei”. Xulio Xiz

En foto de hai 48 anos podemos ver ao bispo de Lugo, Ona de Echave, asperxendo a Juan Carlos e Sofía, Reis, na porta norte da Catedral de Lugo, ante a mirada atenta de José Ferro. Eran tempos nos que “palabra de Rei” significaba firmeza nos tratos das...