A deputada Rosana Pérez advirtiu que a instalación de Altri en Palas de Rei pode supoñer “o tiro de graza” para a ría de Arousa ao “verse afectada por un proxecto que a Xunta comprometeu como unha factoría de fibras téxtiles pero que, segundo a propia empresa, é en realidade unha macrocelulosa”, sinalou.

“A Xunta leva anos prometendo unha instalación para a fabricación de fibras téxtiles que non vai ser, segundo o propio proxecto de Altri, máis que unha celulosa mastodóntica”, denuncia a deputada nacionalista, quen adianta que o BNG vai exixirlle ao Goberno do PP “todas as explicacións do que pode significar esta macrocelulosa para o río Ulla e para a ría de Arousa”.
A parlamentaria da Pobra do Caramiñal lembrou que “segundo recoñece a empresa no seu proxecto, a fábrica proxectada produciría 250.000 toneladas de celulosa e só 60.000 de fibras téxtiles (lyocell) nunha primeira fase, cantidades que ascenderían a 400.000 e 200.000 toneladas, respectivamente, coa factoría a pleno rendemento”.
O proxecto, dixo, suporía “unha agresión directa aos recursos hídricos, coa captación de 16 millóns de metros cúbicos ao ano (46.000 diarios), e un enorme impacto medioambiental e socioeconómico, coa vertedura ao río Ulla de aproximadamente o 80% da auga logo de sometela a procesos industriais contaminantes e de depuración industrial, o que danaría a un río que xa ten uns elevados índices de contaminación e que desemboca nunha ría de Arousa que leva anos vendo caer a súa produtividade”.
O proxecto é, ao seu xuízo, “unha nova estafa que pode supoñer o tiro de graza para unha ría que xa está nun proceso de continuo devalo produtivo e de perda de postos de traballo na pesca, no sector do mexillón e no marisqueo”, resume Pérez, quen recorda que só nos últimos tres anos a ría de Arousa perdeu 200 mariscadores e mariscadoras, o 7% dos que había en 2020.
Neste contexto, a deputada avanza que o Bloque proporá no Parlamento un plan “verdadeiramente sostíbel” que contemple tanto a mellora integral da calidade da auga e da biodiversidade da bacía do Ulla, como a rexeneración e reactivación da produtividade e a recuperación do emprego na ría de Arousa.
Pérez defende a alternativa nacionalista fronte a un PP que “leva anos autoproclamándose máximo defensor do mar” pero que, sen embargo, leva “os mesmos anos votando en contra” das iniciativas do BNG para protexer o sector, tales como “investigar e actuar diante das causas da alarmante perda de produtividade” na ría arousá, establecer un protocolo de baleirado dos encoros que “impida ás eléctricas incidir na baixa salinidade das augas e arruinar os bancos marisqueiros” ou crear un seguro público de produción marisqueira que “garanta unha renda digna ao sector”.



