
A pasada semana o Concello e a comunidade escolar do Colexio Jaime Balmes de Noia e do IES Virxe do Mar celebraron o Día Internacional dos Bosques (o 21 de marzo) con diversas actividades de concienciación sobre a necesidade de coidar as nosas forestas para garantir a biodiversidade e, tamén, o futuro do planeta.
Durante a xornada o Colexio Jaime Balmes realizou un percorrido polas rúas do casco histórico repartindo diversas plantas que eles mesmos sementaron.

Por outra banda, o IES Virxe do Mar levou a cabo unha plantación de árbores da especie liquidambar no paseo marítimo da vila noiesa. Na plantación, como se pode ver na imaxe, colaborou o alcalde Santiago Freire.
O Concello felicitou aos centros educativos de Noia por terse implicado directamente nas actividades do Día dos Bosques, “que axudan á concienciación ambiental na nosa sociedade”.

En 2012, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas proclamou o 21 de marzo como Día Internacional dos Bosques, sendo 2013 o primeiro ano en celebrarse oficialmente. Os organizadores oficiais son o Foro das Nacións Unidas para os Bosques, en colaboración coa Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO), así como a Asociación de Colaboración en materia de Bosques, entre outras entidades e agrupacións, incluídas institucións públicas, asociacións e centros educativos de todo o mundo.



