
O Concello de Muros asinou este luns 4 de marzo un acordo de colaboración coas asociacións de nais e pais dos centros educativos que ofrecen neste curso o servizo de Madrugadores, o CEIP Ramón de Artaza e o CEIP Ricardo Tobío. “O acordo consiste en que o Concello realizará a achega económica que as ANPA necesitan para manter o servizo ata final de curso”, asegura a alcaldesa de Muros, María Lago, que asinou os acordos xunto á concelleira de Educación, Laura Rivadeneira.
“As políticas que impulsen a conciliación da vida familiar e laboral son unha prioridade para o Goberno local”, explica a alcaldesa, polo que nos próximos meses analizarán que medidas deste tipo desenvólvense nos centros educativos e como pode colaborar o Concello no próximo curso 2024/25.
As anpas lembraron que arredor de 20 nenos e nenas de Muros empregan este curso o servizo de Madrugadores, permitindo que os seus pais e nais poidan deixalos nos centros antes do comezo do horario escolar para chegar a tempo aos seus postos de traballo.
“Dixemos xa antes de comezar o mandato que as políticas sociais e de conciliación deben ser un piar da nosa acción de Goberno, polo que as potenciaremos”, remata Lago.




