A Concellaría da Igualdade da Pobra presentou este venres 1 de marzo as actividades convocadas para celebrar, durante boa parte do mes, o Día Internacional da Muller (o 8 de marzo). Un dos puntos culminantes da axenda será na mesma xornada do venres 8, cando partirá unha manifestación ás 19.00 horas da praza Alcalde Segundo Durán para concluír na Casa Consistorial, onde se dará lectura a un manifesto e cánticos coa Asociación Cultural Eiradela. Convídase a que as persoas asistentes traian consigo unha pandeireta, cunchas ou outros instrumentos propios da música tradicional para que as reivindicacións dos dereitos da muller se fagan notar durante o seu percorrido polo núcleo urbano.
Xa pola mañá promóvese unha andaina pola igualdade a partir das 12.00 horas orientada a alumnado de 1º e 2º da ESO do instituto e do CPR Divino Maestro que se iniciará nos centros de ensino para concluír na praza Alcalde Segundo Durán tamén coa lectura dun manifesto e a reivindicación dos dereitos laborais das mulleres. O Concello proporcionará panos de cor morada.
Isto é un exemplo do papel fundamental que xoga o ámbito educativo na programación que se estende a todo o mes de marzo, pois, nas palabras da concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos, “cremos que dende a educación é dende onde se debe traballar para conseguir unha sociedade máis igualitaria. Temos actividades que abranguen tódolos grupos de idade, dende infantil ata o instituto”. Así, as accións artéllanse arredor da muller no deporte e na música tradicional.
No acto de presentación tamén participaron a axente da igualdade, Carolina Rodríguez; a asesora xurídica á muller, María Pérez; e Mariló Ríos, en representación da A. C. Eiradela.
O cartel arranca xa coa novena edición das Xornadas Muller e Ciencia que se celebran este sábado 2. Dúas conferencias centradas no deporte e nos microplásticos impartiranse, de 18.00 a 20.00 horas, no Auditorio do Museo Valle-Inclán a cargo de profesionais das materias. Tamén se dispón de obradoiro de conciliación para facilita-la asistencia.
No período comprendido entre os días 4 e 8, Loida Fernández ofrecerá contacontos de monicreques a escolares da infantil para traballar o apoderamento das mulleres, corresponsabilidade nas tarefas do fogar e a ruptura de modelos tradicionais entre mulleres e homes.
Integrantes da Asociación Cultural Eiradela farán un itinerario no mércores 6 por espazos do centro da localidade como, por exemplo, os Xardíns de Valle-Inclán, a praza de Maura, o Cantón da Leña ou a Praza de Abastos para repartir material divulgativo coa convocatoria da manifestación do 8-M, no que tamén figuran os cánticos reivindicativos que soarán nese día.
A medallista internacional na modalidade de parakarate, Cristy Tojo, dará charlas sobre muller e deporte do 11 ao 13 de marzo aos distintos cursos do CEP Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra.
E tamén se adianta que se ofertará un curso de autodefensa para o sábado 23, dende as 10.30 ata as 13.30 horas, no Polideportivo municipal de Venecia. Haberá, así mesmo, obradoiro de conciliación para poder asistir.