
A concelleira de Servizos Sociais de Noia, Marisol Villar, presentou o programa do Concello para celebrar este 8 de marzo, Día Internacional da Muller: unha completa axenda de actividades pola igualdade elaborada polo dito departamento e o CIM local e que inclúe unha andaina, un roteiro e un obradoiro de capacitación tecnolóxica, entre outras cousas.
O programa comeza este venres 1 de marzo coa presentación do novo libro de poemas de Yolanda Castaño, Materia, no Edificio do Casino de Noia, a partir das 20.00 horas.
Ademais, do 4 ao 8 de marzo celebrarase un obradoiro de alfabetización e apoderamento dixital, en horario de 10.00 a 12.00 horas. As prazas serán limitadas e será preciso formalizar a inscrición previa no Edificio de Servizos Sociais ou a través do correo servizos.sociais@concellodenoia.gal. As inscricións están abertas até este venres 1 de marzo.
O vindeiro venres 8 a axenda comezará ás 11.30 horas coa lectura do manifesto institucional con motivo do 8M, no salón de plenos do Concello de Noia. Na mesma xornada celebrarase ás 11.45 o roteiro A memoria das mulleres, con saída do Consistorio.
O 9 de marzo está prevista a Andaina pola Igualdade 2024, de oito quilómetros de percorrido e con dificultade baixa. A saída está prevista diante do Consistorio. As prazas serán limitadas. As inscricións hai que facelas a través da conta de correo rutasgaliciasenderismo@gmail.com. O prazo para apuntarnos estará aberto até o mércores 6 de marzo.




