Minuto de silencio dos grupos da Corporación de Ribeira en memoria de Andrea e contra calquera tipo de violencia machista

20 Marzo 2024

En repulsa polo crime machista acontecido este martes 19 en Palmeira, a Corporación do Concello de Ribeira celebrou este mércores ao mediodía un pleno extraordinario para mostrar o rexeitamento dos grupos ao feminicidio e para amosar a súa solidariedade coa familia e achegados de Andrea. O pleno saldouse ademais coa declaración de dous días de loito oficial e cun minuto de silencio. Ademais, acordouse convocar á cidadanía para unha concentración na explanada do porto de Ribeira, ás 20.00 horas, a carón da Capitanía Marítima, para mostrar de xeito colectivo a repulsa do concello a “este terríbel acto machista”.

O vídeo da sesión está dispoñíbel en YouTube para quen desexe reproducilo.

Tamén se compartiu a seguinte declaración institucional:

“A Corporación Municipal de Ribeira diríxese á cidadanía con profundo pesar e consternación para denunciar enerxicamente o recente caso de asasinato machista que tivo lugar onte no noso municipio.

Expresamos o noso máis sentido pésame á familia e amizades da vítima, así como a nosa solidariedade e apoio incondicional nestes momentos tan difíciles. Unímonos ao clamor xeneralizado de repudio cara a calquera forma de violencia de xénero e reiteramos o noso compromiso firme na loita contra esta secuela social que segue cobrándose vidas e xerando un profundo sufrimento.

É fundamental lembrar que a violencia machista é unha violación dos dereitos humanos, unha manifestación da desigualdade e unha grave problemática que require da acción conxunta de toda a sociedade para a súa erradicación.

Desde o Concello de Ribeira, reafirmamos o noso compromiso coa promoción da igualdade e a protección dos dereitos das mulleres, así como coa implementación de medidas efectivas para previr e combater a violencia machista en todas as súas formas. Exhortamos a toda a comunidade a sumarse a esta causa e a traballar de maneira conxunta para construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencia de xénero.

Non podemos permitir que máis vidas se perdan por mor da violencia machista. En memoria da vítima e en solidariedade con todas as mulleres que sufriron ou sofren violencia de xénero, renovamos o noso compromiso e a nosa loita incansable ata lograr un mundo onde todas as persoas poidan vivir libres e seguras”.

Outros artigos

Unha fronte fría deixará chuvias e un descenso térmico este domingo

A nubosidade irá en aumento dende a mañá pola fachada atlántica, con precipitacións máis probables na Coruña, as Rías Baixas e a Mariña As temperaturas máximas experimentarán unha baixada moderada, mentres que as mínimas tenderán a subir A chegada dunha fronte fría...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.