Convocados pola Corporación de Ribeira, centos de veciños concentraronse este serán no Malecón da capital en repulsa polo crime machista acontecido este martes 19 en Palmeira no que foi asainada Andre Yturry Alave, de 25 anos de idade.
No acto procedeuse a ler un manifesto de condena. Xunto ós membros da corporación participaron diversos alcaldes da comarca, o senador Manuel Ruíz e representantes de entidades e asociacións da comarca.
Declaracións Institucional do Concello de Ribeira:
A Corporación Municipal de Ribeira diríxese á cidadanía con profundo pesar e consternación para denunciar enerxicamente o recente caso de asasinato machista que tivo lugar onte no noso municipio.
Expresamos o noso máis sentido pésame á familia e amizades da vítima, así como a nosa solidariedade e apoio incondicional nestes momentos tan difíciles. Unímonos ao clamor xeneralizado de repudio cara a calquera forma de violencia de xénero e reiteramos o noso compromiso firme na loita contra esta secuela social que segue cobrándose vidas e xerando un profundo sufrimento.
É fundamental lembrar que a violencia machista é unha violación dos dereitos humanos, unha manifestación da desigualdade e unha grave problemática que require da acción conxunta de toda a sociedade para a súa erradicación.
Desde o Concello de Ribeira, reafirmamos o noso compromiso coa promoción da igualdade e a protección dos dereitos das mulleres, así como coa implementación de medidas efectivas para previr e combater a violencia machista en todas as súas formas. Exhortamos a toda a comunidade a sumarse a esta causa e a traballar de maneira conxunta para construír unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre de violencia de xénero.
Non podemos permitir que máis vidas se perdan por mor da violencia machista. En memoria da vítima e en solidariedade con todas as mulleres que sufriron ou sofren violencia de xénero, renovamos o noso compromiso e a nosa loita incansable ata lograr un mundo onde todas as persoas poidan vivir libres e seguras.








