Barbanza Arousa patrocina a proba ciclista III Challenge Volta ao Barbanza A Orixe, que se celebra esta fin de semana

18 Marzo 2024

A Mancomunidade Barbanza Arousa patrocina por terceiro ano a proba ciclista III Challenge Volta o Barbanza A Orixe que organiza o Club Ciclista Barbanza e que se celebra os días 23 e 24 de marzo en dúas etapas que percorrerán os catro municipios da vertente sur do Barbanza (Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo).

Na presentación da proba, desenvolvida na tarde deste 18 de marzo, participaron o presidente da mancomunidade e alcalde de Ribeira, Luis Pérez Barral; o concelleiro de deportes da Pobra do Caramiñal, Eloy Sobrido; o concelleiro de Deportes do Concello de Boiro, Marcos Fajardo; o alcalde de Rianxo, Julián Bustelo; a xerente da Mancomunidade, Fátima Cachafeiro, e os membros da directiva do Club Ciclista Barbanza, José Ramón Torrado e Ricardo Riveiro; e o presidente da Federación Galega de Ciclismo.

Segundo fixeron saber, na proba van participar máis de 100 corredores de 20 clubs de toda a xeografía española e tamén portugueses. Dende a Federación Galega de Ciclismo, agradeceron a implicación da Mancomunidade e do Clube para levar a cabo este importante evento deportivo.

Por parte do club agradeceron o apoio da Mancomunidade Barbanza Arousa para “poder levar a cabo unha proba como esta que acolle a corredores de todo o territorio e que se realiza en todos os municipios”.

A cita deportiva artellarase en dúas etapas, a primeira o sábado 23 de marzo con saída e chegada en Boiro e que discorre tamén por Rianxo. A segunda etapa será o domingo día 24 e con saída e chegada na Pobra do Caramiñal e que transcorrerá tamén por Ribeira.

“Estamos ante un evento que da a coñecer a paisaxe e recursos do territorio, atraendo público fóra da época estival, axudándonos así a desestacionalizar a demanda. Realízase nos catro concellos, en dous cada ano, co obxecto de mostrar todo o destino turístico de forma cohesionada e reforzando a identidade corporativa”, manifestou Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade.

Pola súa banda, o presidente de Barbanza Arousa e alcalde de Ribeira, Luis Pérez Barral, destacou que esta proba segue a estratexia da Mancomunidade de potenciación turística mediante actividades que poñen en valor a paisaxe, a natureza e a cultura. “Búscase ademais que tanto os participantes coma os seus acompañantes coñezan o territorio, volvan noutros momentos de forma vacacional e sexan prescriptores de Barbanza Arousa entre a familia e amigos”, sinalou, aproveitando tamén a rolda de prensa para convidar a veciños, veciñas e visitantes a achegarse a desfrutar da proba.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...