O Concello de Outes informou da adxudicación do contrato de subministro eléctrico municipal, logo de sacarse a licitación o dito servizo, por vez primeira, en marzo do ano pasado. O novo contrato asinouse o pasado 29 de febreiro. A adxudicataria é Gas Natural Comercializadora. Trátase dun documento indexado, polo cal o Concello sempre pagará o prezo real estipulado no mercado eléctrico da enerxía cada día, máis unha marxe de comercialización, inferior a 1 céntimo por Kwh consumido.
O Concello lembra que o gasto municipal atópase nunha cifra anual de 1.115.000 Kwh, polo que chegou a pagar 380.000 €/anuais. Co novo contrato, as previsións son que o Concello pague 230.000 €, co conseguinte aforro de 150.000 €/anuais.



