
A Mancomunidade Barbanza Arousa segue a difundir entre o empresariado vencellado ao sector turístico as posibilidades que aporta a certificación SICTED de calidade turística que, segundo informa a entidade conformada polos concellos de Ribeira, A Pobra, Boiro e Rianxo, conta cun importante recoñecemento nacional e internacional
A Mancomunidade Barbanza Arousa, en consonancia coa súa estratexia de colaboración público-privada, continúa este ano coa implantación do Sistema Integral de Calidade Turística en Destino, SICTED, entre os axentes turísticos do territorio. Nesta ocasión, celebraranse dúas reunións informativas sobre a adhesión dos axentes turísticos ao sistema, á que están convidadas todas as entidades turísticas interesadas.
A primeira destas reunións informativas será o vindeiro día 21 de febreiro ás 10:30 no Centro Cultural Lustres Rivas de Ribeira.
A segunda reunión terá lugar o 27 de febreiro ás 17:00h no auditorio de Rianxo.
As empresas do destino poderán escoller a reunión informativa que mellor se adapte á súa dispoñibilidade.
Sobre o SICTED
O SICTED é un proxecto de mellora da calidade dos destinos turísticos promovido pola Secretaría de Estado de Turismo co apoio da FEMP, que traballa con servizos turísticos de ata 36 oficios diferentes, podendo participar todos os establecementos que se atopan no círculo do consumo do turista como transporte, aloxamento, restauración, comercio ou axencias de viaxes entre outras.
O obxectivo último é “mellorar a experiencia e satisfacción do turista; mais para os servizos turísticos que decidan adherirse ofrece beneficios tales como mellorar a xestión interna, dispoñer dunha referencia para mellorar o seu traballo, incrementar a cualificación do persoal, compartir experiencias con empresarios do mesmo sector, participar no maior proxecto de calidade turística desenvolto en España con máis de 9000 servizos turísticos participantes ou optar a un distintivo que acredita o nivel de calidade turística, recoñecendo o esforzo realizado a nivel nacional e internacional”.
Na pasada edición da implantación do SICTED conseguiron certificarse 36 empresas e servizos turísticos do destino, representando a un total de 16 oficios diferentes, recibindo o recoñecemento a nivel nacional como caso de éxito na implantación deste selo de calidade turística.
Para asistir a esta reunión informativa é preciso inscribirse a través do correo electrónico info@barbanzarousa.gal.



