Aumentan as incidencias polo temporal, o 112 Galicia rexistrou máis de 600 por meteoroloxía adversa

08 Febreiro 2024

Karlotta sementa Barbanza de postes, árbores e contedores caídos.

Entre as 6 e as 18 horas deste xoves, o 112 Galicia vén de contabilizar un total de 610 incidencias relacionadas cos episodios adversos que afectan a diversas zonas de toda a comunidade. Entre o mediodía e as 18 horas foron 334.

As máis frecuentes están relacionadas coa caída de árbores e pólas nas vías de circulación, con 260 casos ao longo do día, seguidas das accións dos equipos de emerxencias para evitar riscos (107), os derrubamentos (57), a presenza de obxectos varios (55) ou cables (52) nas estradas e a afección de postes de alumeado, telefonía e outros elementos de material eléctrico (37).

En canto ás provincias, a da Coruña é a máis afectada, con 249 incidencias rexistradas no 112 Galicia. En Lugo contabilizáronse 208, mentres que en Pontevedra foron 126 e, por último, Ourense, con unicamente 25. Ademais, dúas das incidencias xestionadas pertencen a outras comunidades autónomas.

No caso dos concellos, A Coruña (29), Santiago (18), Ribeira (13) ou Ferrol (12) destacan na provincia da Coruña; en Pontevedra, Vigo (26), Nigrán (9), Sanxenxo (9) ou Pontevedra (7) foron as que máis sentiron os efectos da meteoroloxía adversa, segundo os datos recollidos no 112 Galicia. En Lugo, Viveiro (25), Mondoñedo (24) e Burela (20) igualan ou superan a vintena de casos, a maioría deles relacionados cos efectos do vento. Por último, destacamos os municipios de Quintela de Leirado (3), Sandiás (2) e o Barco de Valdeorras (2) na provincia de Ourense.

En Ribeira o persoal do GAEM tamén tivo que cortar ao tráfico unha estrada que vai ao núcleo de Serves, onde un poste de telefonía quedou colgando, e tiveron que dar aviso á empresa subministradora. En Corrubedo o temporal deixou varios cables colgando na rúa Delicias e balsas de auga na estrada de acceso a este núcleo; mentres que en Artes un transformador quedou sen corrente eléctrica e caeu un poste da luz nas inmediacións da igrexa. Ademais, preto das tres da tarde a forte ondada derrubou parte do petril que separa a praia de Area Secada co paseo marítimo de Ou Touro.

Tamén se recibiron avisos de ramas e troncos atravesados en estradas e camiños en Balteiro, houbo que retirar uns valos de obra nas inmediacións da escola infantil municipal de Ribeira, e os bombeiros retiraron uns ferros do lateral dun edificio na avenida das Carolinas que corrían perigo de vir abaixo.

Incidencias destacadas
Aínda que por fortuna a maioría das incidencias rexistradas durante o día non revestiron gravidade, a caída de árbores e pólas nas estradas si provocaron alteracións no tráfico. Sobre todo en vías secundarias, aínda que o 112 Galicia recibiu múltiples avisos de particulares por árbores que interrompían parcial ou totalmente a circulación en diferentes puntos da comunidade, como a PO-313 ao seu paso por Moaña, a N-640 (A Pontenova), a N-634 (Barreiros e Lourenzá), a LU-122 (Lourenzá) ou no quilómetro 515 da A-8 á altura de Ribadeo. Pola súa banda, en Cervo, a caída dunha árbore na vía do tren causou o corte do tráfico ferroviario entre Ortigueira e Ribadeo, como informou o persoal de seguridade de ADIF minutos antes das 14 horas.

Varias localidades sufriron problemas co subministro eléctrico ao longo da tarde, rexistrándose casos, por exemplo, nos municipios lucenses de Xove, Trabada, Riotorto, Viveiro, O Vicedo, Alfoz, A Pontenova, Cervo ou Lourenzá.

Ademais, o 112 Galicia tivo constancia ás 16 horas da caída dunha árbore sobre un coche que circulaba polo quilómetro 61 da PO-552, en Tomiño, aínda que non se rexistraron danos persoais. No operativo participaron a Garda Civil de Tráfico, Protección Civil de Tomiño e os servizos de mantemento da estrada.

O vento tamén se deixa sentir, sobre todo na provincia de Lugo. De feito, varios particulares informaron aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias da caída de lousas dun edificio da rúa Río Xunco (Burela) sen que ninguén resultase ferido. Tamén en Burela, esta vez na travesía do Porto, un alertador explicou que acababa de romper unha terraza de cristal e que os restos caeran á rúa. Outros avisos incluíron a chamada por unhas tellas doutro inmoble que saíron voando na rúa de Salvador de Madariaga, en Foz.

Pola súa banda, as precipitacións deixaron incidencias como unha ponte desbordada na Baña ou estradas anegadas: por exemplo, a AC-305 ao seu paso pola Pobra. En Ponte Caldelas, un particular chamou ao 112 Galicia para alertar dunha casa anegada no lugar de Tourón.

Outros artigos

Luns con sol e baixa das temperaturas máximas

Seguimos baixo a influencia anticiclónica pero con ventos de compoñente norte que afastarán as masas de aire cálido da semana anterior. Deste xeito agardamos néboas en comarcas do interior que se irán disipando deixando ceos moi abertos canto máis o sur de Galicia e...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Enfermedades terminales”. José Manuel Pena

“Enfermedades terminales”. José Manuel Pena

Estos últimos días las visitas al hospital fueron frecuentes para acompañara un buen amigo que se encuentra viviendo unos difíciles momentos por sudelicado estado de salud. Esta circunstancia me abrió un poco más los ojos ala realidad del sufrimiento, el dolor, el...