- Ruiz Ponce e Korecka Zlotnikova álzanse co título nacional en 470 Absoluto, con Pol Mateu e Ariadna Suárez como campións en Sub24
- Conrad Konitzer e Antonio Torrado proclámanse campións de España en 49er, cos vigueses Martín e Jaime Wizner acadando a prata

Rematou en augas da ría de Arousa a Semana Galega de Clases Olímpicas e Campionato de España para as modalidades de 470 e 49er, organizada pola Real Federación Galega de Vela. O evento concluíu cun balance inmellorable grazas ás óptimas condicións de mar e vento, que permitiron completar a totalidade do programa deportivo previsto: 9 mangas para a categoría Mixta de 470 e 15 para a Masculina de 49er.
O Centro Galego de Vela acolleu desde o pasado venres e ata este domingo a cita de alto nivel, na que o vento do nordés foi o gran protagonista. Durante as tres xornadas de competición mantivo un rango de intensidade constante de entre 10 e 14 nós, cun eixo de dirección fixado nos 35º-40º.
Na clase 470 Absoluto, o título nacional foi para o tándem do Real Club Náutico de Palma e o Real Club Náutico de Calpe, formado por Pablo Ruiz Ponce e Anna Korecka Zlotnikova. A parella asinou un gran campionato ao pechar o seu marcador con 12 puntos e sumar catro primeiros postos nas nove probas disputadas. O segundo chanzo do podio ocupárono Paula Laiseca Bueno e Ion Ancisar Echeverría (Real Club Náutico de Gran Canaria / Club Náutico Hondarribia), con 20 puntos. O bronce absoluto levárono Pol Mateu Badía e Ariadna Suárez Álvarez (Club Nàutic El Balís / Real Club Náutico Gran Canaria), quen con 28 puntos proclamáronse ademais campións de España en categoría Sub24. Nesta división xuvenil, Andrea Stinga González e Gabriel Gallego Rodríguez (Real Club Náutico de Arrecife) foron segundos, mentres que Lorea Elduayen e Alex Camps (Club Náutico Hondarribia / Club Nàutic El Balís) lograron a terceira posición.
Pola súa banda, a clase 49er completou 15 mangas a razón de cinco por cada un dos tres días de regata. O ouro recaeu na tripulación de Conrad Konitzer e Antonio Torrado (Club Nàutic S’Arenal / Real Club Náutico Torrevieja), que acadou o máis alto do podio con 23 puntos e un rexistro de oito vitorias parciais —tres delas consecutivas na última xornada—. A medalla de prata foi para os irmáns vigueses Martín e Jaime Wizner, en representación do Real Club Náutico de Vigo, quen tras liderar a táboa durante parte do campionato finalizaron con 29 puntos e catro triunfos parciais. O terceiro posto correspondeu a Ricard Castellví e Pol Font (Club Nàutic Cambrils / Club Nàutic Arenys de Mar), con 40 puntos.
A entrega de trofeos tivo lugar ás cinco da tarde e contou coa participación do concelleiro de Deportes de Vilagarcía de Arousa, Carlos Coira; a directora territorial da Consellería do Mar, Elena Suárez; o presidente da Mancomunidade do Salnés, David José Castro; e o vicepresidente da Real Federación Galega de Vela, Pedro Piñeiro.




