. Adiviña, adiviñador.

.
. Aparece á súa hora, sempre aparece:
. sorriso medido,
. lavado, nin unha enruga,
. perfumado de brillos
. e ventos de marca.
.
. Chucha a atención.
.
. Mírate aos ollos.
. Pinta porvires sen sombras,
. sen cansazo.
.
. Fai canto che di.
.
. Verán sen fin.
. Farturas de escuma
. agromando entre as pedras.
.
. Fai canto che di.
.
. A vida é un convite perpetuo.
. Non afrouxa.
.
. Fai canto che di.
.
. Escoita:
. “Quen ten mans, ten peixes.”
.
. Esforzo. Esforzo!
.
. E se fas o que debes
. doutórate
. na sensia
. de non traballar nunca máis.
.
. Esa friaxe
. dun timoneiro cego.
.
. Mira. Aí vén:
. fermosas flores.
.
. Olla.
. Bulbo velenoso.
.
. O narciso sublime.
.
. Adiviña, adiviña, que cousa é.
.
. A festa entórtase.
.
. Cruza os brazos.
.
. E ouvea:
. “Cada un sabe do seu.”
.
. Cada un… cada un…
.
. O lume ameaza a casa.
.
. Que os outros limpen a borralla.
.
. Aí vai, aí vai!
. A pedir aplausos
. pola graza.
.
. Vivir:
. a corda frouxa,
. débedas,
. noites en branco,
. a conta da malladura
. nos lombos dos mansos.
.
. Terá piedade?
.
. Empatía, dis?
.
. Tráxica boa fe.
.
. Ese urco é voraz de seu.
.
. Come,
. e come e come.
. Quenta, requenta, fai burbulla,
. embuda: vertixe, precipicio.
.
. E caer, e caer, e caer.
. Sangría. Estoupido. Infarto.
.
. E ti quedas no fondo.
.
. Comerache as palabras.
. Non acouga.
.
. Poñerlle buceira.
. Pedirlle contas,
. pararlle o rebentío.
.
. Ombreiro con ombreiro.
.
. (Ombreiro con ombreiro.)
.
. Se ninguén o amarra,
. a promesa de paz
. vai virando,
. amodo,
. en servidume.
.
. E devórache.
.
. Cousa que cousa será.
.
. Reclámanos a vida enteira
. en troques
. de chilindradas.
.
. Non é un amante arroutado.
. Non é un diaño do inferno.
.
. Non.
.
. É a casa que nos habita cada día.
. Unha febre.
. A néboa que nos abafa.
.
. O bafo dun urco.
.
. Cousa, cousiña, que cousa é?
.
. Tonio Nóvoa. Outubro, 2026.



