O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Branco, mantivo este mércores un encontro de traballo co alcalde de Padrón, Anxo Rei, con quen repasou os investimentos do Goberno no concello, que superan o sete millóns de euros. En concreto, o delegado e o rexedor padronés destacaron as obras de ampliación e modernización da estación de tratamento de auga potábel (ETAP) de Padrón, que executa Augas de Galicia e nas que o Goberno inviste 7,4 millóns de euros a través do Plan de Recuperación. Esta infraestrutura garante o abastecemento de auga potable aos 10 concellos da ría que están conectados ao sistema: Boiro, Catoira, Dodro, A Pobra, Pontecesures, Rianxo, Ribeira, Valga, Vilagarcía e o propio Padrón.
Segundo explicaron, con esta actuación a estación de tratamento verá aumentada a súa capacidade dos actuais 450 litros por segundo que fornece na actualidade ata os 630 l/s, o que, segundo Pedro Blanco, “porá fin ás limitacións da subministración e permitirá ofrecer maiores garantías de abastecemento únaa poboación de máis de 90.000 habitantes ante posibles incrementos da demanda”. Ademais, incorporará un sistema de recuperación de auga de lavado de filtros que actualmente verten ao río Ulla, o que a fará máis eficiente e sustentábel.
Pedro Branco sinalou que actuacións como a da modernización da ETAP de Padrón “pon .de manifesto o compromiso do Goberno coa mellora dos servizos en todos e cada un dos concellos galegos” e a importancia dos fondos do Plan de Recuperación, “que chegan a todos os recunchos de Galicia”.
No transcurso da reunión, o delegado e Anxo Rei tamén repasaron o impacto doutras actuacións, como a mellora da eficiencia enerxética do sistema de iluminación do municipio grazas ás axudas de 240.000 euros do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético (DAE) do Ministerio de Transición Ecolóxica, ou a extensión da banda larga da man do Programa Único do Ministerio de Transformación Dixital, que permitiu levar Internet de alta velocidade a 794 fogares e empresas que non contaban con este servizo.