18F: O Partido Galego di que nas eleccións premiáronse marcas consolidadas e castigáronse as descoñecidas

21 Febreiro 2024

O Partido Galego, a través do seu coordinador xeral, Suso Ares, emitiu a súa valoración sobre os resultados das eleccións galegas deste 18F, nas que, segundo indica a agrupación premiáronse ” marcas consolidadas e proxectos solventes”, e castigáronse “para marcas descoñecidas e proxectos fracturados”. A xuízo do PG, “estas eleccións certificaron unha vez máis o sentir do pobo galego que actúa en chave conservadora; pero sendo como somos un pobo diferenciado, ese aparente voto conservador que se traduce no voto maioritario ao PP non é un voto razoado por ser este un partido de dereitas”. Para agrupación, “a decisión de votar a unha ou outra opción política non só está nas impresións subxectivas, nas campañas persuasivas ou mensaxes emocionais, xa que xoga un papel fundamental a transmisión da confianza”. É nesta parte, indican, “onde o pobo galego móstrase conservador por natureza, non aventura o seu voto porque si, de aí que o PP rendibilizase ben a confianza do seu electorado a pesar de ter un candidato que non era o máis coñecido, pero a marca PP si ofrece unha confianza a un moi amplo electorado”.

O PG salienta que outro beneficiado pola confianza ofrecida foi o BNG, que, sinalan, “traballou moi ben a imaxe da candidata, ao tempo que reducía o logo a imperceptible nos carteis, e esta era a máis coñecida de todas as forzas políticas que se presentaron”.

O PSOE, destacan, “foi castigado polos dous condicionantes principais, candidato menos coñecido e proxecto político fracturado”.

O PG valora que “volvemos a estar no mesmo resultado do ano 2001, onde o PP tivo nesa ocasión 791.885 votos, e agora as tres dereitas (PP, VoX, DO) 748.296 votos; e a esquerda (BNG,PSOE, e os grupos afíns) tiveron no 2001 un total de 691.673 votos, fronte aos actuais 702.936 votos”. E engaden: “Levamos 6 lexislaturas cos resultados electorais practicamente iguais no Parlamento de Galicia a excepción dunha lexislatura de goberno alternativo pero sen apenas moverse a correlación de forzas electorais. Toca pois remangarse e poñernos todas as persoas conscientes da necesidade dun proxecto de país, galeguista, conservador e de centro transversal baseado nos valores intrínsecos de Galicia, toca arrimar ombreiro co Partido Galego, que leva catro anos implantando proxecto nos concellos”.

Ao xuízo da agrupación, “debemos pasar páxina de experimentos do estilo do presentado as eleccións galegas do 2020 coa coalición que etiquetaron como galeguista, formada por En Marea, CxG e o Partido Galeguista, que tivo uns resultados anecdóticos, toda vez que En Marea viña de ser o primeiro partido da oposición no Parlamento Galego, acadando desta volta 2.883 votos, co 0.22%”.

Nas presentes eleccións, sinalan, “outra proba de coalición auto cualificada de galeguista e formada sobre todo por xente ex-PSOE da que participaron 5 grupos (EC, GS, CxG, CG e UL), o resultado foi incluso peor, quedando en 1.540 votos, co 0,10%”.

No Partido Galego, decidiuse por proposta das bases das Agrupacións Locais que aínda non era o momento de presentarse a este tipo de eleccións: ” Estamos nun proceso de avance, de constitución de novas agrupacións por toda Galicia e que primeiro toca sentar as bases nos concellos; traballamos para conseguir as dúas normas enunciadas no principio consolidar o Partido Galego como marca recoñecida por todo o electorado e o mellor proxecto solvente, na estrutura, garantía democrática, con un corpo social firme, traballando todos na mesma dirección e coa meta de servir a Galicia como o seu partido, o partido da esencia de país, do sentidiño, do galeguismo de sentimento, estamos para activar este pobo, para facelo rexurdir, sentirse orgulloso de seu, da súa historia e das capacidades do seu futuro”.

Outros artigos

Venres 4, calor extrema cos termómetros rozando os 40 graos

Santiago e as Rías Baixas prepáranse para un venres de calor intensa con máximas superiores aos 33 graos A calor farase sentir con forza este venres 4 de setembro, Santa Rosalía, en Compostela e en todo o litoral suroeste de Galicia. Baixo o dominio das altas presións...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“Manipula, que algo queda”. Antón Luaces

“Manipula, que algo queda”. Antón Luaces

Agora que se fala na UE da "guerra híbrida" protagonizada por Rusia en contra de Alemaña, o que levou á propia Unión Europea a empregar ese calificativo para condenar a mistura de ciberataques, sabotaxes económicas, presións diplomáticas e campañas masivas de ...

“RiberCeuta”. Manuel Dominguez III

“RiberCeuta”. Manuel Dominguez III

El día que durante 24 horas la ciudad pasó a llamarse Riberceuta. Al margen de la solidaridad, Ribeira tiene una relación especial con Ceuta. Una jovencita ceutí, enamorara de un soldado español, haciendo la mili en Ceuta, se enamoró de él y abandono físicamente Ceuta...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.