É probable que o dito días atrás a este xornal polo presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, José Antonio Pérez, estivera debidamente encamiñado ao desbotar a existencia de perigo para os seres humanos derivado o mesmo do espallamento polas praias galegas -especialmente as da comarca do Barbanza- dos pellets de plástico, por canto o Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial (CETIAL), ubicado en Culleredo (A Coruña), non atopa compoñentes tóxicos nen perigosos na composición dos pellets que o mar e o vento traen polo Atlántico dende vai máis de vinte días desde augas portuguesas de Viana do Castelo e que, a día de hoxe, afectan asimesmo á liña de costa do Cantábrico: Asturias, Cantabria e Euskadi. Trátase de boliñas de tereftalato de polietileno (PET), un tipo de plástico da familia dos poliésteres cuxo destino ía ser a fabricación de botellas ou recipientes plásticos que, unha vez utilizados, poderían ser novamente reciclados estabelecendo así unha cadea de moi longa duración.
Malia todo, a Unidade Especializada en Medio Ambiente da Fiscalía Xeral do Estado ven de abrir dilixencias de investigación sobre estes millóns de pellets de plástico guindados accidentalmente ao mar e que, en España, apareceron nas rías galegas após que o buque mercante Toconao, de bandeira liberiana, perdera seis contedores en augas lusas, un deles con carga de pellets. Estes son a forma na que se transporta o plástico antes de o procesar como produtos finais. Teñen entre 2 e 5 milímetros de diámetro e preséntanse en diversos tipos de plástico: polietileno, polipropileno, PVC, poliestireno, etc.
O proceso de fabricación de produtos de plástico comeza con estes pellets, que se quentan e funden en máquinas de moldeo por inxección, extrusión ou soprado para formar unha ampla variedade de produtos: dende compoñentes automotrices ata envases, xoguetes ou artigos para o fogar. Os plásticos usados límpanse, tritúranse e finalmente se funden para lle dar esa forma de pellets, ciclo que contribúe a reducir o refugallo de plástico e o consumo de recursos.
A vicepresidenta segunda da Xunta, Ánxeles Vázquez e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, presidiron unha reunión técnica con gardacostas, técnicos ambientais e persoal de Intecmar para facer seguemento da limpeza de praias afectadas polos pellets de plástico. Por outra banda, organizacións ecoloxistas e grupos de vontarios realizaron durante o domingo accións de recolleita desas bolechas en distintas praias da comunidade autónoma. Varias destas organizacións reclaman o control de acceso de camiñantes aos areais afectados se non van a eles coa misión de limpar xa que logo contribuirían a enterrar as boliñas de pellets que quedan na liña de marea, dificultando ou mesmo imposibilitando a súa retirada.
O 13 de decembro o servizo do 112 (da Xunta) alertou a Salvamento Marítimo da aparición na costa dun saco de rafia que contiña pellets. O 20 de decembro Salvamento Marítimo conclúe que o Toconao é o buque responsable da chegada deses pellets á costa galega. Enténdese que son evidencias de que a Xunta ten coñecemento de que están chegando esas bolechas ás costas de Galicia, pero que non se adopta ningunha medida preventiva de fdanos. Polo medio, a desputa entre si é a Xunta ou o Goberno quen debe dar a primeira resposta a esta situación. Teresa Ribera, vicepresidenta primeira do Goberno, chamou este luns ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para pedir información exacta sobre o material que caeu ao mar “xa que non remitiron máis datos”. Ofreceu medios de limpeza para coordinar coa Xunta. Esta para recibir apoio de medios estatais ten que elevar o nivel de alerta (que se mantén no 1) ao 2 e solicitalo expresamente. O Goberno pon a disposición da Xunta os efectivos preparados para colaborar na limpeza das praia, malia non se ter activado o Plan de Emerxencias Marítimas.