O Concello de Ribeira aproba os investimentos do POS+2024 para mellorar os servizos básicos en tódalas parroquias

30 Xaneiro 2024

O Concello de Ribeira aprobou os investimentos con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación da Coruña, o POS+2024, destinados a mellorar os servizos básicos de todas as parroquias do municipio: Aguiño, Castiñeiras, Carreira, Olveira, Artes, Corrubedo, Palmeira, Oleiros e Santa Uxía. A aprobación dos investimentos formalizouse no pleno ordinario deste luns 29 de xaneiro.

Inclúense a maiores medidas como a expropiación de dous terreos afectados polo proxecto da Senda Peonil de Coroso tras determinar o prezo xusto dos mesmos en 2.105,02 euros e 579,16€ respectivamente.

Así mesmo, aprobouse o proxecto corrixido das obras dos vestiarios do Campo de Fútbol de Oleiros e a remisión do mesmo á Deputación, incluído no POS+2023, para poder proceder á súa licitación; a participación

Polo que respecta aos investimentos aprobados con cargo ao POS+2024, trátase dos seguintes: a ampliación da liña de auga na rúa Río Azor, cun orzamento de 115.498,47 euros; a pavimentación do camiño do Vilar-Vixán en Carreira, cun orzamento de 106.500,53 euros; a liña de pluviais e pavimentación nas rúas Revolta e Fonseca de Castiñeiras, cun orzamento de 112.109,07 euros; a renovación da rede de abastecemento na rúa da Cerca en Aguiño, cun orzamento de 174.672,94 euros; a rede de saneamento e abastecemento en Arribas (Artes) cun orzamento de 98.921,36 euros; a ampliación da rede de abastecemento na estrada DP-7304 en Olveira, cun orzamento de 36.593,20 euros; a renovación de servizos e pavimentación na rúa canaval de Corrubedo, cun orzamento de 45.308,12 euros; e a pavimentación do camiño en Os Muiños (Oleiros), cun orzamento de 53.275,56 euros.

“O Concello está destinando máis de 700.000 euros para mellorar a pavimentación e estender a rede de saneamento e auga para consumo a aquelas vivendas que hoxe carecen destes servizos esencias” afirmou o alcalde Luís Pérez Barral, engadindo que “propoñemos unha obra por parroquia para dotar e ampliar os servizos básicos fundamentais en todo o municipio”.

Pola súa banda, a concelleira de Economía e Facenda, Herminia Pouso, salientou a necesidade de “adicar máis de 372.000 euros do POS+2024 a gasto corrente para aliviar as contas do Concello debido ao gasto enorme de obra pública comprometida polo anterior goberno que está tensionando as arcas municipais na actualidade; un gasto que poderiamos ter adicado a outras obras que nos demanda a veciñanza”.

Pola súa parte, o concelleiro Xabier Vidal, explicou que existe “unha débeda de máis de 13 millóns de euros á que debemos facer fronte” mais reafirmou o seu compromiso de “seguir priorizando aquelas actuacións que garantan a calidade de vida de toda a veciñanza”.

A maiores, o pleno saldouse coa aprobación da participación no POS+ Adicional 1/2024 da Deputación para o financiamento de gastos sociais extraordinarios, no que se contempla a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), cun gasto total de 1.050.000 euros.

Cumprimento da Iniciativa Xabarín

Na sesión tamén foi aprobada a proposición de Antía Alberte Maneiro para solicitar o cumprimento da Iniciativa Xabarín, de xeito que a Corporación de Radio Televisión de Galicia aumente a oferta en galego destinada á nenez e á mocidade a través do reforzo e a promoción das canles coas que conta a CRTVG. A concelleira argumentou que é preciso “instar ao Goberno a impulsar o cumprimento dos artigos do anteproxecto de lei xeral de comunicación audiovisual onde se recolle a pluralidade lingüística como principio básico”.

Escola infantil e cambios urbanísticos en Aguiño

O pleno aprobou ademais a proposición para “instar á Xunta de Galicia a que faga realidade unha escola infantil para Aguiño tal e como se prometera na campaña das eleccións municipais a conselleira de Política Social”, segundo explicou o concelleiro Fernando Abraldes, engadindo que“o Concello porá ao dispor da Xunta os terreos necesarios, mais é preciso que a Administración galega asuma as súas competencias facendo esa escola infantil do tipo Galiña Azul”.

Ademais disto, na mesma proposición, informouse de que se está agardando unha avaliación ambiental da Xunta para realizar os cambios urbanísticos que permitan desafectar o solo industrial que aínda hoxe está habilitado na antiga fábrica de xeo de Aguiño.

Xestión da marea de granulados plásticos

En relación á crise ambiental dos granulados plásticos (pélets) procedentes do buque mercando Tocanao, aprobouse na sesión unha proposición conxunta para esixir á Xunta de Galicia a reclamación dos gastos ocasionados aos concellos para logo cominar á armadora do buque a asumir de maneira responsábel ás consecuencias do feito acaecidos, así como a creación dunha brigada municipal de limpeza de praias durante todo o ano cando haxa posibilidade económica.

En termos máis concretos, o concelleiro Vicente Mariño, defendeu a necesidade de “instar á Xunta de Galicia e ao Goberno Central a que tomen as medidas oportunas para apoiar ao sector pesqueiro e a facer fronte aos gastos e indemnizacións que procedan así como velar pola calidade dos produtos do mar”.

Pola súa parte, o concelleiro Suárez-Puerta explicou que “é preciso que o Goberno da Xunta faga efectiva a súa colaboración cos concellos poñendo á súa disposición de inmediato todos os medios técnicos, materiais e humanos suficientes para facer fronte a esta crise ambiental; así como aumentar o persoal de limpeza das praias”.

A concelleira Antía Alberte, agradeceu aos traballadores do Concello e ao voluntariado o seu labor e colaboración durante a crise ambiental na limpeza “ante a ausencia do Goberno galego, que actuou de xeito tardío e improvisado”.

O alcalde, pola súa banda, lembrou que “Ribeira vive do mar, por iso o este Concello púxose á cabeza para xestionar esta crise ambiental” afirmou o rexedor, lembrando que “non houbo ningún intento de coordinación de esforzos por parte da Xunta a pesar das reiteradas peticións de coordinar os labores de vixilancia e limpeza”.

Proxecto técnico de mellora da pista de atletismo do Estadio Ana Peleteiro

O Pleno aprobou a realización dun proxecto técnico para mellorar a pista de atletismo da Fieiteira. O concelleiro de Deportes, Xabier Vidal, informou de que o Executivo local mantivo unha reunión co club e coa medallista olímpica Ana Peleteiro para abordar a situación deste deporte, das súas infraestruturas e da posibilidade de darlle un impulso. Vidal informou de que xa estaban en marcha os trámites para encargar ese proxecto técnico mediante o que procurar financiamento para realizar o retaping da pista de atletismo “Ana Peleteiro”.

Outros artigos

ADEGA di que maquinaria pasada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...