
Este domingo 28 de xaneiro pola mañá realizouse a entrega dos premios do Circuito de Golf Barbanza Arousa no campo de Pitch and Putt de Boiro. Coma anos anteriores, este circuíto contou con catro probas, cada unha delas adicada a cada concello da Mancomunidade: Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Ribeira.
No acto participaron Jose Carlos Vidal, alcalde da Pobra do Caramiñal; Julio Alcalde, tenente alcalde de Rianxo, Francisco Suárez, tenente de alcalde de Ribeira e Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade Barbanza Arousa.
Esta edición foi a sétima do circuíto e contou con récord de participantes, un total de 400, que proveñen dos 4 concellos da Mancomunidade pero tamén doutras localidades da provincia da Coruña, fomentando así o turismo de proximidade.
“Esta iniciativa permite desestacionalizar o turismo, atraendo visitantes ao xeodestino fóra da época estival” destacou Fátima Cachafeiro, xerente da Mancomunidade. Asemade, o rexedor pobrense José Carlos Vidal valorou a boa acollida desta iniciativa que gaña adeptos ano a ano e a complementariedade deste deporte con outras iniciativas que se están levando a cabo dende a Mancomunidade coma a posta en valor da enogastronomía ou o Camiño de Santiago.



