
A Comunidade de Montes de Baroña (Porto do Son) segue adiante este mes de xaneiro reivindicando os tesouros ambientais do Barbanza e poñendo en valor os vellos usos e oficios e, tamén, as tradicións relacionadas co aproveitamento sustentábel dos recursos naturais. Este xoves 25 a entidade organizou unha saída ambiental para ensinar á rapazada local como apañar corres (varas feitas neste caso con pólas de vimbios) e como tirar proveitos delas para facer cestos, tal e como se vén facendo dende tempos inmemoriais. Participaron nesta experiencia as alumnas e alumnos do CEIP Campanario de Baroña. A saída desenvolveuse no lugar de Abuín e encadrouse nun obradoiro de cestería que a Comunidade de Montes organizou no colexio. “A idea desta actividade é a recuperación de oficios tradicionais que co paso do tempo van desaparecendo”, explicaron, engadindo que grazas a este obradoiro “os nenos tiveron que cortar os vimbios e preparalos para despois seleccionalos por tamaños de cara a poder traballar con eles”. O material serviu logo para facer cestos no propio colexio.




