Dando resposta a unha petición concreta achegada pola asociación A Creba (entidade da nosa comarca encargada de favorecer a inclusión e dar apoio ás persoas con doenzas mentais), a Biblioteca Municipal de Ribeira vén de incorporar ao seu catálogo un primeiro lote de libros de lectura fácil e accesíbel. Trátase, segundo informan os responsábeis da Biblioteca, dun primeiro lote de dez volumes, composto por obras de recente publicación e adaptacións de clásicos, que “xa están dispoñíbeis para os nosos lectores e lectoras que os precisen”, explicaron, engadindo que “seguiremos traballando por unha inclusión que permita achegar a lectura e a cultura a todos os cidadáns”. No lote inclúense obras como a biografía de Ana Frank e clásicos da literatura galega de todos os tempos como Memorias dun neno labrego (Xosé Neira Vilas) ou Os Pazos de Ulloa (Emilia Pardo Bazán), entre outras.




